A Xunta mantén "sen ningún tipo de modificación" a xornada electoral e Feixoo pide "non meter medo á xente"

[Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral en Cerceda
photo_camera [Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral en Cerceda

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feiixoo, asegurou esta terza feira que a xornada electoral do 12 de xullo mantense "sen ningún tipo de modificación", á vez que apelou a "ser responsábeis" e "non meter medo á xente".

"Meter medo á xente para que non vaia a votar é un  tic antidemocrático que me preocupa", dixo, en declaracións aos medios, acompañado polo conselleiro de  Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, tras a reunión do comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia e na que se abordou a situación da Mariña lucense.

Despois de que formacións como o BNG propuxesen suspender as eleccións na comarca, afectada por un brote, Feixoo apelou a actuar de forma "proporcional" e asegurou que a situación só pode empeorar "canto máis tempo se espere" para votar.

"Meter medo á xente é algo que un político non pode facer nunca", proclamou o presidente, antes de precisar, en relación ás persoas chamadas a votar que poidan estar afectadas por unha corentena ou ter unha  PCR con resultado positivo, que determinan os protocolos do Ministerio de Sanidade e da Xunta, ratificados polo comité clínico.

"Só se recomenda non ir votar ás persoas que están con diagnóstico positivo; todos os demais, que son maioría, poden ir votar con normalidade, aínda que propoñemos que despois de facelo volvan ao seu domicilio para seguir coa corentena, pero os seus dereitos fundamentais están intactos", esgrimiu.

Comentarios