luns 06.04.2020
A DE NON APRESENTARSE AOS COMICIOS é UNHA DAS OPCIóNS

A afiliación de Compromiso decide este mes a fórmula de concorrencia ás xerais

A afiliación será quen decida nesa asemblea, que decorrerá o 17 ou o 24 de outubro, se aposta en ir ás eleccións do 20D e, de facelo, con quen e como.

A afiliación de Compromiso decide este mes a fórmula de concorrencia ás xerais

O 17 ou o 24 deste mes de outubro Compromiso por Galicia realizará unha Convención nacional coas eleccións xerais do 20 de decembro como único ponto da orde do día. Unha asemblea na que a afiliación ao partido galeguista sexa quen decida se querer estar presente neses comicios e, de ser así, “como e con quen”, en palabras de Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG, en conversa con Sermos Galiza.

Bascuas incide en que vai ser a afiliación, as bases do partido, as que vaian decidir finalmente sobre a concorrencia a esa cita coas urnas. Así, cun apoio dun mínimo de 15 militantes pode presentarse a esa Convención unha proposta para acudir aos comicios. Representantes de cada unha das propostas defenderán as mesmas, para abrir unha quenda de preguntas e intervencións. Será a militancia de CXG quen, co seu voto, escolla se quer que Compromiso dea o paso de concorrer nesas eleccións, e de ser así, como facelo.

“Non vai haber posicionamentos desde arriba”, afirma Bascuas, descartando que desde o Consello de Compromiso por Galicia como órgano se vaia optar por unha fórmula de concorrencia en concreto.

Programa

Para alén deste debate, na Convención tamén está previsto que se fale de cuestións relativas ao programa, fixando criterios que ao entender de CxG deberían de se levar como propostas nunhas eleccións xerais. Cómpre lembrar que a finais de setembro o Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia aprobou o regulamento para a súa Convención Nacional.

No documento programático aprobado daquela polo CPN recóllese que “o sistema político e partidario xurdido no Estado logo da transición á democracia está en crise, e que a corrupción endémica dos dous principais partidos así como as consecuencias da crise económica e das políticas neoliberais imperantes na Unión Europea constitúen causas fundamentais desta crise que mina a confianza da cidadanía no sistema político español”, neste sentido, “ábrense tempos de mudanzas no referido á estrutura territorial do Estado, onde Galicia e os galegos e as galegas non podemos permitirnos o luxo de quedar fóra do debate que, dun xeito ou doutro, se vai dar no seo do Estado”.

comentarios