A ‘administración paralela’ xestiona 1.788 millóns dos orzamentos da Xunta

O Consello de Contas fixo público onte o informe de fiscalización das entidades instrumentais da administración galega de 2021. No mesmo, advirte de falla de transparencia na xestión dos recursos públicos.

Sede do Consello Galego de Contas en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sede do Consello Galego de Contas en Compostela (Foto: Nós Diario).

As entidades instrumentais do Goberno galego, popularmente  coñecidas como “os chiringuitos” ou “a administración paralela”, xestionaron 1.788 millóns de euros procedentes do orzamento público en 2021, último ano no que as súas contas foron sometidas a fiscalización.

O volume de fondos manexados por esta vía non deixaron de incrementarse nos últimos anos. Así, en 2021 achegouse a 15%  do total do orzamento da Xunta, un punto máis que na pasada anualidade, porén en 2016 só representaron 7% das contas públicas galegas.

O Consello de Contas da Galiza observa con preocupación está dinámica. Así, no seu último informe de fiscalización repara que “malia a redución considerábel no número  entidades desde 2011, o volume de fondos do sector instrumental desde ese exercicio e, en particular, as transferencias e subvencións consignadas nos orzamentos da Xunta para o devandito sector medraron pola xeneralización do modelo de axencia”.

As dúbidas de Contas

As dúbidas pairan sobre as entidades instrumentais. A este respecto, o e Contas sinala no seu recente informe -referido a datos de 2021- que o Goberno galego "non puxo en marcha o rexistro de entidades dependentes previsto nesta norma e no que se deberían inscribir, preceptivamente, a constitución de entidades e demais actos que se determinen regulamentariamente".

O órgano fiscalizador advirte que a ausencia deste rexistro  converte "Galiza nunha excepción dentro das comunidades autónomas, dificulta a delimitación das entidades que segundo a nosa normativa deben ter a consideración de sector público autonómico e introduce un risco potencial derivado da falla de aplicación das obrigas propias das entidades integrantes do sector público".

O Consello de Contas cuestiona a xestión dos entes autónomos. Nesta liña, afirma que "a diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades, a Xunta da Galiza optou por empregar o modelo de axencias para xestionar de xeito descentralizado importantes áreas de gasto".

A falla de transparencia

O ente fiscalizador denuncia a falla de transparencia na xestión dos entes instrumentais. Nesta dirección, urxe “as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira das entidades nas que a Xunta sexa o accionista, socio ou partícipe de referencia e para que a actuación destas entidades sexa sometida a control, supervisión pública e rendición de contas”.

Contas asevera que "respecto ás axencias, a revisión da información dispoñíbel non acredita que se estean a aplicar os mecanismos de xestión transparente por obxectivos como son o contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual".

Comentarios