Contas detecta "carencias" nas normas e procedementos destinados a previr a corrupción na Xunta

O Consello de Contas segue a situar nun nivel "medio" a implantación dos elementos de control interno, posto que conta co deseño e a aprobación "da maioría" do "esencial" pero ten aínda aspectos "pendentes que deben desenvolverse".
Alfonso Rueda presidindo unha recente reunión do Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, presidindo a reunión do Consello da Xunta da semana pasada. (Foto: Arxina)

O Consello de Contas detecta "carencias" nas medidas para previr a corrupción na Xunta da Galiza. Máis concretamente, no que atinxe ao desenvolvemento de normas internas —manuais, protocolos, instrucións—, en relación coa informatización dos trámites de "moitos procesos" e por mor da "escaseza" de manuais de procedementos. Así o recolle o informe correspondente ao ano 2022 de avaliación dos sistemas de control interno e prevención de riscos da corrupción na Administración xeral, que o organismo fiscalizador entregou esta quinta feira ao Parlamento e que publica na súa páxina web.

No apartado de conclusións, baixo o epígrafe de actividades de control, o texto apunta aos factores de risco que describen os centros nos seus plans, e sinala que aí é onde se "reflicten" as mencionadas "carencias". Nun primeiro punto, valora que o Goberno de Alfonso Rueda realizou "un impulso no último ano no deseño dun sistema consolidado e estruturado de integridade", fronte ás medidas e accións "illadas" que viu Contas no seu diagnóstico de 2018, en referencia ao Programa marco de integridade institucional e prevención de rochas de xestión 2021-2024.

Porén, segue situando nun nivel "medio" a implantación dos elementos de control interno, posto que conta co deseño e a aprobación "da maioría" do "esencial" pero ten aínda aspectos "pendentes que deben desenvolverse", de feito, "a través das medidas programadas".

Un coñecemento "superficial"

O Consello de Contas realizou unha enquisa a persoal directivo —xefes de servizo, subdirectores xerais e secretarios/directores xerais— de catro centros directivos. Remitiu as preguntas a 114 directivos e directivas e obtivo resposta de 50, isto é, de menos da metade. Os resultados poñen de manifesto, destaca o organismo, que até 57% do persoal directivo da Xunta ten un coñecemento "superficial" do seu código ético institucional, e só o 30% manifesta ter "un bo coñecemento".

"Regulado", mais falla a aplicación

No relativo a políticas de integridade, Contas cre que o marco normativo asegura unha regulación dos aspectos chave: política de agasallos, conflitos de interese, actividades fóra do sector público, emprego despois da función pública, acceso da cidadanía á información pública, declaración de bens de altos cargos e políticas de denuncias e irregularidades.

Con todo, advirte que as "melloras pendentes" están no deseño dos procedementos para aplicar estas políticas, nos mecanismos de control do seu cumprimento e na comunicación e orientación prácticas dirixidas ao persoal para favorecer o seu cumprimento. O propio código ético institucional "segue pendente" das actualizacións e melloras programadas, lembra o informe.

Tamén considera "necesario" elevar a intervención do comité de ética a órgano de asesoramento "preceptivo" e garantir a publicidade dos pronunciamientos sobre as denuncias. E apunta á exixencia por normativa comunitaria da existencia dunha canle externa e a configuración doutros elementos "obrigatorios" en relación á protección do denunciante.

No referente á administración de riscos, constata que a "urxencia" na aprobación de plans levou a unha "translación automática de plans modelos" e á remisión de catálogos de riscos e medidas "comúns", o que observa que vai "en detrimento da análise individualizada e reflexiva das carencias de xestión e riscos específicos dos distintos centros".

Así, en todos os centros existen "determinadas medidas de control orientadas aos riscos de fraude ou de corrupción", aínda que son "controis xenéricos comúns", por iso é preciso "completar no futuro con controis específicos adicionais que reforcen a prevención naquelas actividades máis sensibles a actos desta natureza".

Novas recomendacións

O Consello de Contas propón unha serie de recomendacións novas neste informe, entre elas a mellora do coñecemento e a percepción do persoal sobre o marco e a cultura éticos. Os resultados da enquisa, incide o ente, suxiren que pode lograrse introducindo na súa formación orientacións prácticas baseadas en exemplos da vida real e mellorando a comunicación co persoal sobre os instrumentos de prevención aprobados. Tamén avoga por crear o órgano de supervisión centralizado que debería ser a Comisión de Coordinación e Integridade e propón estabelecer a intervención preceptiva do Comité de Ética na resolución das denuncias.

Por último, aposta por completar o marco xurídico da regulación dos conflitos de intereses con pautas procedimentais para a tramitación e resolución das situacións de conflito, así como "elaborar algún protocolo de verificación da exactitude e a integridade da información declarada previamente".

Comentarios