O acordo de investidura PSdeG-BNG na Coruña contempla a reforma do PXOM

Inés Rei gobernará en minoría e os de Jorquera exercerán de "oposición".
José M. Laxe e Avia Veira. (Foto: Europa Press)
photo_camera José M. Laxe e Avia Veira. (Foto: Europa Press)

O PSdeG e o BNG asinaron esta quinta feira o acordo de investidura entre ambas as dúas formacións e que propiciará que a socialista Inés Rei sexa mañá reelixida alcaldesa da Coruña. Entre as medidas que inclúe este acordo atópase a redacción dun proxecto de lei da Área Metropolitana, o inicio da reforma do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), así como un estudo da xestión directa do servizo de transporte público urbano.

Tamén inclúe o acordo a adopción das medidas necesarias para defender o modelo de separación húmido-seco das fraccións do lixo (Nostián) e a creación dun grupo de traballo co Consorcio das Mariñas para informar dos pregos que rexerán a concesión do tratamento de residuos.

Xunto a estas, están a posta en marcha do Consello Municipal de Cultura; a presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide ou o impulso da constitución do consorcio para a xestión dos peiraos.

O portavoz en funcións do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, avanzou que esta formación actuará como "oposición" no próximo mandato. O Partido Socialista "optou por gobernar en solitario", indicou.

José Manuel Laxe, do PSdeG, e portavoz en funcións do Goberno local, manifestou que o acordo de investidura responde "ao sentir dunha maioría social, maioría que permite unha investidura e que contempla compromisos ao longo do mandato".

Comentarios