Abel Caballero adía, máis un ano, a celebración do Día da Galiza en Vigo

O Concello xustifica a decisión defendendo "afastar do período electoral" os festexos, malia ser os comicios dous días antes do 25 de xullo, cando se celebra no resto do país e día que é festivo. O pasado ano, que causara polémica polo pregón en castelán da ministra Nadia Calviño, adiárao alegando as "altas temperaturas".
Nadia Calviño e Abel Caballero, durante o acto (Imaxe: Javier Vázquez/ Europa Press)
photo_camera Nadia Calviño e Abel Caballero, durante o acto (Imaxe: Javier Vázquez/ Europa Press)

En 2021 foi o 3 de agosto. En 2022, o día 12 do mesmo mes. E este ano, se ben aínda non hai data concreta, será de cara a setembro. Abel Caballero decide novamente ir por libre e adiar a celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, a unha data completamente distinta —e itinerante— á do resto do país que denomina 'Día da Galiza en Vigo'.

A través dun breve comunicado de prensa e sen ofrecer demasiadas explicacións, o Concello de Vigo informou na tarde desta cuarta feira do aprazamento dos festexos co argumento de "afastalos do período electoral". A pesar, con todo, de que as eleccións estatais serán o domingo 23, dous días antes.

E non poderá ser tampouco en agosto, como nos dous anos anteriores, pois, xustifican desde o gabinete do Goberno local, o vindeiro mes "a cidade acolle diferentes eventos culturais e festivos", polo que entenden conveniente "adiar esa efeméride até o mes de setembro, nunha data que se comunicará nas próximas semanas".

A noticia non gustou no grupo municipal do BNG, que atribuíu esta decisión do alcalde ao "españolismo máis casposo". "Alegar a celebración de eleccións xerais o 23 de xullo para postergar, sen data concreta, o acto é unha tomadura de pelo. Acaso se os comicios se celebrasen, como se prevía inicialmente, o 3 de decembro o alcalde ía pospor o acto institucional polo Día da Constitución a febreiro?", cuestionou o portavoz e concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.

Polémica na celebración do pasado ano

As "altas temperaturas" foran o motivo esgrimido polo Concello de Vigo o pasado ano para pospor a celebración do Día da Galiza. O acto decorreu finalmente o 12 de agosto coa ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño, como pregoeira.

Calviño ofreceu en galego as súas primeiras palabras e reivindicou o seu "sentimento galego"; porén, a continuación empregou como lingua vehicular do acto oficial do Día Nacional da Galiza o castelán, algo que causou malestar en varias persoas.

O portavoz e edil do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada do BNG no Parlamento Carmela González decidiron abandonar directamente o evento ante o que consideraron un “desprezo ao idioma oficial da Galiza, a lingua galega".

"Non podemos seguir soportando esta galegofobia que reduce a nosa lingua propia a un idioma de segunda, e menos nun acto institucional do Concello", puxo de manifesto Igrexas, quen lembrou que a vixente ordenanza municipal de normalización lingüística estabelece o galego como idioma oficial e lingua vehicular do Concello.

Comentarios