venres 10.07.2020

12-X: Feixoo afirma que se non gaña con maioría absoluta “non volverei ser presidente da Galiza nunca máis"

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG ás eleccións do 12 de xullo afirmou que continuar á fronte do Goberno galego vai depender de que o Partido Popular atinxa a maioría absoluta nesa cita electoral.

12-X: Feixoo afirma que se non gaña con maioría absoluta “non volverei ser presidente da Galiza nunca máis"

"Gañar e non conseguir a maioría absoluta faría que non volva ser presidente da Comunidade galega nunca máis", sentenciou Núñez Feijóo durante a súa intervención esta cuarta feira no encontro dixital 'De volta á normalidade en Galiza' organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección e Deloitte. Unha afirmación a interpretar dentro do apelo a unir os votos da dereita representada en Cs ou VOX. Feixoo é consciente de que precisa todos os sufraxios para se garantir recuncar na presidencia. As enquisas e sondaxes apuntan que, se non logra a maioría, e sen ter CS nin VOx representación, a dereita perdería o poder na Xunta. 

Cuestionado sobre as eleccións do próximo 12 de xullo nas que aspira a conseguir o seu cuarto mandato como presidente da Xunta, o líder dos populares galegos afirmou que as súas opcións de seguir no cargo pasan por lograr a maioría absoluta porque "as liñas de xogo son distintas en función da militancia política".

Após sinalar que está "ilusionado" ante o reto, apuntou que se trata dunha “tarefa complexa" lograr ese obxectivo no que será "unha campaña inédita" na que os partidos terán que "innovar" para chegar aos votantes.

"A carreira do 12 de xullo vai ser determinante non só para Galiza e o País Vasco senón tamén para España", sinalou Núñez Feixoo que dixo que "pódese servir ao meu país desde Galiza e pódese servir a Galiza volvendo ser o seu presidente" se logra o apoio dos galegos.

"O meu exame está a data e o tribunal constituído. Imos ver que din ás 8 da tarde os electores", apuntou antes de aseverar que o 12 de xullo está en xogo "o futuro de Galiza e o futuro dunha parte de España".

Así mesmo, tamén nesta conferencia, Núñez Feixoo quixo desmarcarse do ambiente político que existe a nivel estatal e cuxa orixe situou na moción de censura contra Mariano Raxoi da que se fixeron dous anos o pasado 1 de xuño.

comentarios