Os 11 acusados na peza principal da Pokémon recoñecen a súa culpabilidade a cambio de rebaixar as súas penas

O que foi concelleiro de Urbanismo de Lugo, Francisco Fernández Liñares, acepta dous anos e seis meses de cárcere e unha multa de máis de 100.000 euros.

Maxistrados sentados na Audiencia Provincial de Lugo durante a segunda sesión de xuízo pola operación Pokémon (Foto: Europa Press).
photo_camera Maxistrados sentados na Audiencia Provincial de Lugo durante a segunda sesión de xuízo pola operación Pokémon (Foto: Europa Press).

Os 11 acusados na peza principal da operación Pokémon relacionada coa adxudicación do servizo do guindastre municipal de Lugo, entre eles Francisco Fernández Liñares, quen foi tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo da cidade, chegaron a un acordo sobre a súa condena coa Fiscalía que rebaixa as súas penas.

Deste modo, os 11 acusados recoñecen a autoría dos delitos que lles imputaba a Fiscalía, con algunhas modificacións para beneficiarse de rebaixas das condenas, tanto nos anos de prisión aos que serían condenados como no referente ás multas que se lles exixen. Desta maneira, o xuízo non terá que decorrer e bastará cunha sesión na que se ratifique o acordo.

Francisco Fernández Liñares foi acusado de delitos de suborno, prevaricación, branqueo de capital e violación de segredos por funcionario público. O Ministerio fiscal, tal e como figura no auto de apertura de xuízo oral, solicitaba que fose condenado a penas que sumaban nove anos e medio de cárcere e 32 de inhabilitación. Mais, co acordo, a súa pena sitúase en dous anos e seis meses de cárcere, inhabilitación para emprego ou cargo público por varios anos e multas que suman máis de 100.000 euros.

Máis dunha década despois de que arrincase unha operación que derivou na investigación de decenas de persoas, incluídos varios cargos políticos de distintas corporacións galegas e doutras autonomías, a trama principal encamiñouse cara ao xuízo con Liñares como principal acusado.

Os outros condenados da Pokémon

A J.R.P. acepta dous anos e seis meses de prisión por aproveitamento de información privilexiada, suborno, falsidade en documento mercantil e dun delito contábel. Ademais, impónselle o pagamento dunha multa de 29.000 euros. Estes mesmos delitos atribúenselle a outro socio de Cechalva, unha das empresas acusadas, --M.S.G--, ao que se condenan a dous anos de cárcere e unha multa de 28.000 euros.

Aos dous socios da empresa, J.P.C. e J.L.A., atribúeselles aproveitamento de información privilexiada e suborno. Delitos polos que acordan penas dun ano e catro meses de cárcere e de nove meses de prisión, respectivamente, así como a multas de 27.500 euros.

Outros dous acusados, A.P.V. e J.E.C.L. aceptan penas de menos dun ano de cárcere por falsidade en documento mercantil e un delito contábel. Na causa tamén se condena dous acusados máis, A.O.R. e C.D.V., por falsidade en documento mercantil a penas de menos dun ano de cárcere; a D.A.L. e M.G.G por branqueo de capitais a penas de dous meses de cárcere e multas de 15.000 e 23.000 euros, respectivamente.

Comentarios