PSOE e PSC contra a independencia de Catalunya

Rubalcaba a Artur Mas: “Se o que quere é romper teranos en fronte”. Pere Navarro dilúe o “catalanismo” do PSC apostando pola negociación e o pacto co Estado español.
Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE
photo_camera Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE

Nas súas intervencións co gallo da tradicional Festa de la Rosa de Gavá, o secretario xeral do PSOE e o primeiro secretario do PSC, cargaron con dureza contra a aspiración de independencia que o pasado 11 de setembro deu corpo a unha mobilización histórica a favor da constitución dun Estado catalá.

Alfredo Pérez Rubalcaba, despois de cualificar como “fabulosa tempestade” o resultado da Diada, denunciou a conivencia entre o Partido Popular e CiU a nivel do estado, criticando o acordo da coalición nacionalista co PP nas políticas de recortes. O cerne da súa intervención, de arredor de trinta minutos e en que reivindicou o Estatut e resucitou o lema da “España plural” de Zapatero, foi facer un chamado a Rajoy e a Artur Mas. “Sabemos que recortan xuntos e hoxe quero pedirlles que deixen as tesoiras e collan agulla e fío para coser a convivencia entre Catalunya e España” dixo. Finalmente, dirixiu unha advertencia ao President da Generalitat asegurando que “se o que quere é romper (co Estado español) teranos en fronte”.

Reducindo a cuestión nacional catalá a un problema de encaixe das “singularidade e especificidades” identitarias, Rubalcaba dirixiuse a aqueles sectores que non sendo tradicionalmente independentistas hoxe estarán a prol da plena soberanía de Catalunya, advertindo que “Catalunya sairá da crise con España ou non sairá da crise”.

Pola súa banda, Pere Navarro --cabeza do PSC-- apostou pola “negociación, o entendemento, a cooperación e o pacto” co Estado español, expresando con rotundidade que @s socialistas de Catalunya din “non” á independencia.

Máis en Països Catalans
Comentarios