Junqueras: “Moitos dos que votarán independencia séntense emocionalmente españois”

O presidente de ERC defende nunha entrevista na Cadena Ser que a independencia e as políticas de esquerda “son inseparábeis”. Oriol Junqueras afirma que "o noso obxectivo é que o goberno do PP non decida as nosas políticas nin as nosas necesidades orzamentarias".

Oriol Junqueras, president de ERC [Imaxe: María Abelleira]
photo_camera Oriol Junqueras, president de ERC

O presidente de ERC, Oriol Junqueras, defendeu nos micrófonos da Cadena Ser a independencia como chave para poder aplicar políticas de esquerdas, sinalando que ambas as dúas son “inseparábeis”. Fíxoo durante unha entrevista na que mesmo apuntou a que entre as persoas partidarias da independencia de Catalunya hai moitas que se “senten emocionalmente españolas” mais que entenden que o progreso do país pasa pola independencia. “A construción dun estado non responde só a criterios de carácter emocional”, engadiu, na liña do independentismo catalán de sumar apoios a esta vía como ferramenta para construír un novo marco de dereitos. “O noso obxectivo é que o goberno do PP non decida as nosas políticas nin as nosas necesidades orzamentarias”.

“O noso obxectivo é que o goberno do PP non decida as nosas políticas nin as nosas necesidades orzamentarias”

O presidente de Esquerra tamén dixo que o posto que el ocupase nun goberno saído do 27S é “irrelevante” porque o importante é o proceso independentista, e tampouco respondeu sobre se Artur Mas sería a persoa máis acaída para liderar ese novo goberno. Junqueras optou por se afastar dos debates sobre nomes e insistiu ao longo de toda a entrevista en falar da independencia como proxecto colectivo. Defendeu tamén a lexitimidade de declarar a independencia cunha maioría de deputad@s saídos dedsas eleccións do 27S.


 


 

Máis en Països Catalans
Comentarios