Maioría absoluta ‘axustada’ das forzas soberanistas no Parlament

A enquisa post-9N de ‘El Periódico’ apunta á debacle do bipartidismo en Catalunya. En intención directa o PSC é 6ª forza e o PP, 8ª, superada por CIU. Irrompe Podemos con forza.

Parlament de Catalunya
photo_camera Parlament de Catalunya

A enquisa de ‘El Periódico’ após a consulta participativa do 9N mostra unha fotografía de Catalunya na que as forzas soberanistas teñen unha maioría absoluta ‘axustada’ no Parlament, o bipartidismo español desplómase, Podemos irrompe como terceira forza, e hai un incremento considerábel de Cs e tamén, mais en menor medida, da CUP.

O 9N deulle forzas a Artur Mas e CiU recupera o primeiro posto nunha sondaxe, un lugar que desde hai meses as enquisas dábanlle a ERC. A coligazón catalá de Convergència e Unió obterían entre 32 e 34 escanos (teñen 50 na actualidade). Esquerra tería de 31 a 33 deputad@s (21 posúe agora). Podería falarse de empate técnico entre as dúas principais organizacións do soberanismo catalá.

En terceiro posto irrompe Podemos, que atinxiría 16 ou 17 parlamentares, desprazando o PSC, que dos 20 actuais pasaría a obter entre 10 e 11. Esa terceira praza é partillada na sondaxe cos Ciutadans de Albert Rivera, que daría o salto d@s 9 deputad@s que posúen agora a 16/17. O Partido Popular cae de 19 a 10/11, IC-V retrocede de 13 a 10/11 e a CUP duplicaría representación. Agora ten 3 e pasaría a seis.

Voto directo

Na enquisa, realizada para o xornal catalán por Gesop, a intención directa de voto castiga duramente a PSC e PP, que pasan ser sexta e oitava forza e Catalunya. ERC tería o 20% dos apoios (intención directa) e CiU 16,1 por cento. Podemos obtería o12,8%, Cs o 9,5%, Iniciativa per Catalunya o 5,5 e o PSC pouco máis do 4 por cento. CUP 3,8% e o PP apenas un 1,3 por cento.

Máis en Països Catalans
Comentarios