‘’Intentan utilizar os tribunais para resolver un conflito político”

Ás sete da tarde diante dos concellos. Esa é a convocatoria que percorre Catalunya para mostrar o apoio á consulta suspendida polo Constitucional. Tamén na Galiza haberá concentracións solidarias.

catalunya
photo_camera catalunya

Carme Forcadell, da ANC, afirmou pouco despois de se coñecer a decisión do Tribunal Constitucional de suspender a consulta catalá: “Intentan utilizar os tribunais para resolver un conflito político”. Unha frase que resume o sentir de boa parte da sociedade catalá perante o veto ao referendo do 9N. Para esta tarde, a partir das 19:00 horas, hai convocadas concentracións diante de todos os concellos cataláns. Unha convocatoria que partiu de ANC e Òmnium mais que ten o apoio de partidos, sindicatos, plataformas e asociacións de todo tipo.

Para esta terza feira convocáronse a través das redes sociais concentracións na Galiza en apoio ao referendo catalá

Xa na segunda feira houbo concentracións, convocadas pola CUP, en Barcelona, Vic, Lleida... de rexeitamento da decisión do TC. Tamén, e despois de se coñecer a resolución do Constitucional concellos como o de Salt aprobaron mocións de apoio á consulta.

O Govern decide os pasos a dar

Segundo informa ARA, o Govern decidirá esta terza feira que decisións adoptará sobre a suspensión 'exprés' da consulta polo Tribunal Constitucional (TC). O president mostrouse partidario nestes últimos días de consensuar os pasos a dar co resto de forzas que apoian o dereito a decidir.

A prensa internacional faise amplo eco da decisión, desde ‘Le Monde’ (“A xustiza española suspende o referendo independentista catalá”) a ‘Corriere della Sera’, que fala dunha “crise sen precedentes”.

GZ con CAT

Para esta terza feira convocáronse a través das redes sociais concentracións en apoio ao referendo catalá. Será a partir das 20:00 horas. Vigo (Marco), A Coruña (Obelisco), Compostela (Pza Toural), Pontevedra (Pza Peregrina), Lugo, (Sub-delegación do Goberno español), Ferrol (Hino Galego), Ourense (Pza Maior), Burela (Pza da Mariña), Ponteareas (Concello)

Máis en Països Catalans
Comentarios