Fracasa a concentración unionista en Barcelona: apenas arredor de 50 mil persoas

A concentración unionista de Barcelona só consegue convocar arredor de 50.000 persoas, malia o chamamento feito por PP e Ciutadans. Falange, España 2000 e o neonazi Casal Tramuntana apoiaban a convocatoria de “Somos Cataluña, Somos España”. 

Bandeira na concentración de Barcelona
photo_camera Bandeira na concentración de Barcelona

Apenas 50.000 persoas responderon á chamada da plataforma “Somos Cataluña, somos España” que se desenvolveu na praza de Cataluña de Barcelona. Bandeiras franquistas e saúdos fascistas protagonizaron algunhas das imaxes dunha xornada de reivindicación unionista que contaba co chamamento do PP e de Ciutadans. 

As entidades convocantes querían deixar á vista que en Cataluña había tamén oposición á independencia, mais a cifra de participantes distaba moito do 1,6 millóns de persoas que participaron na Diada na xornada histórica deste ano o pasado once de setembro. 

Dous deportistas, o atleta Jesús Ángel García, de orixe madrileña, e o piloto catalán Andrés Mirambell leron o manifesto en español e catalán diante do lema “Somos Cataluña, Somos España” nun escenario presidido por unha inmensa bandeira de 100 metros de longo, metade española, metade catalá. 

Malia só contar con 50.000 participantes fronte ás riadas que o pasado 11 de setembro ocuparon o país enteiro reclamando independencia, a presidenta do PP catalán, Alicia Sánchez-Camacho, participante na concentración, non dubidou en afirmar que nesta ocasión “a Cataluña maioritaria rompe o seu silencio”. 

Máis ultras en Tarragona 

A ultradereita ten en Cataluña unha fin de semana atarefada xa que á xornada de hoxe súmase a convocatoria do domingo 13 en Tarragona, onde se prevé asistencia de grupos de extrema dereita á cerimonia en que a Conferencia Episcopal Española beatificará 522 mártires “da persecución relixiosa”. Autocares de distintos puntos dirixiranse a Tarragona convocados pola ultradereitista Cruz de San Andrés que quere converter a cerimonia nunha “grande festa da hispanidade en Cataluña”. Ao acto está previsto que asistan destacados dirixentes do PP español como o ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón ou o de Interior, Jorge Fernández Díaz. A pesar das críticas, o presidente da Generalitat Artur Mas confirmou a súa asistencia.

Máis en Països Catalans
Comentarios