ERC propón listas separadas cunha proposta programática en común: a independencia

NON de ERC á lista de país proposta por Mas. Junqueras aguanta a presión -tamén exercida pola Assemblea Nacional Catalana- e revelou esta terza feira que Esquerra irá con perfil propio ás próximas eleccións catalás. A formación republicana argumenta que o voto independentista será maior canto maior sexa o grao de pluralismo eleitoral.

ERC
photo_camera Mas con Junqueras, no Palau de Congress. Foto: NacióDigital.

ERC apostou nunha solemne posta en escena para escenificar o seu NON a Mas. Foi a meio dunha conferencia do seu líder, Oriol Junqueras, baixo o título: Chamamento a un novo país. A República catalá. Asistiron 2.500 persoas nun ateigadísimo Palau de Congressos. E no auditorio o mesmísimo presidente da Generalitat que puxo cara de póker cando ouviu a Junqueras rexeitar a súa proposta.

Junqueras quer eleicións e quéreas o antes posíbel. E quere unidade. De acción, mais non unidade no campo eleitoral que reste pluralismo ao soberanismo catalán. A súa opción é conquistar a independencia desde a esquerda, o que torna inviábel partillar lista coa coligazón de Artur Mas, quen, a ollos dos republicanos, practica desde o Govern políticas de corte neoliberal. Para Junqueras ir con Mas sería un erro porque entregaría a bandeira da “loita social e a loita contra a corrupción” aos unionistas. A palabra corrupción pronunciada polo líder do ERC resoou no Palau como unha clarísima alusión a CiU.

Para Junqueras ir con Mas sería un erro porque entregaría a bandeira da “loita social e a loita contra a corrupción” aos unionistas

Así que Junqueras di non á proposta de Mas e á vez ponlle sobre a mesa unha contra-oferta: que as formación soberanistas vaian ás urnas por separado, mais cunha axenda programática común: a independencia e a apertura dun proceso constituínte no Principat.

5 pontos comúns para os soberanistas

Candidaturas separadas, axenda independentista partillada e cinco pontos mínimos en común nos programas eleitorais coas que as formacións soberanistas irían ás urnas. Que cinco pontos propón Junqueras? Estes: 1.-Candidaturas que partillarían unha parte da súa denominación (tipo CiU pola Independencia-ERC pola Independencia-CUP pola Independencia); 2.-aposta programática nidia pola independencia; 3.-actos conxuntos durante a campaña; 4.-presenza de independentes nas listas e 5.-Compromiso de formación dun Govern que sexa o resultado da máxima unidade de acción posibel.

Máis en Països Catalans
Comentarios