O pazo, do pobo

Pazo_de_Meirás_05

Se houbo un tema que protagonizou a política nacional este verán foi o Pazo de Meirás, o inmoble sito en Sada que os Franco fixeron seu mediante extorsións ao pobo. Xa é unha aberración que siga a existir a Fundación Franco, que non sexa ilegalizada e que fora beneficiaria de axudas públicas, mais tamén o é o feito de que a Xunta de Galiza persista en escusar a familia Franco e en desdramatizar a xestión das visitas por parte da citada entidade.

De feito, o PP insiste en que no interior do pazo non se ten producido ningunha apoloxía do franquismo. As fotografías tomadas dentro do inmoble demostran todo o contrario. No interior deste Ben de Interese Cultural (BIC) respírase o enxalzamento do fascismo con retratos do ditador e bandeiras franquistas.

Por outra banda, tampouco é de recibo que a Xunta de Galiza mire cara a outro lado malia ter coñecemento do reiterado incumprimento do réxime de visitas ao pazo. Unhas visitas que, precisamente, veñen marcadas pola súa catalogación como BIC.

Non parece que a reivindicación da devolución do pazo ao seu lexítimo dono, o conxunto das galegas e galegos, unha demanda que é de xustiza, vaia esquecerse nas hemerotecas. Seguirá a tratarse no Parlamento. Alén disto, a presión por parte do pobo é fundamental para concluír co espolio e para honrar as vítimas da represión.

Máis en OPINIÓN
Comentarios