Editorial Sermos265

É hora de avanzarmos!

Son as nacións sen Estado as que poden poñer en fóra de xogo o réxime do 78, que nos impediu de facto o autogoberno real e que limita o exercicio das liberdades e dereitos civís. Son as nacións sen Estado as que están á vangarda e as que promoven a ruptura democrática.

[Imaxe: Naciodigital] Referendo, Catalunya, 1-O
photo_camera [Imaxe: Naciodigital]

Malia agravarse a represión por parte do Goberno central, o pobo catalán está a dar un exemplo na loita polo dereito a decidir e Galiza non pode ficar atrás e debe situarse con forza e determinación nun debate que de maneira irremediábel, porque así o quixo a vontade popular, se abriu a respeito da reformulación do Estado. Son as nacións sen Estado as que poden poñer en fóra de xogo o réxime do 78, que nos impediu de facto o autogoberno real e que limita o exercicio das liberdades e dereitos civís. Son as nacións sen Estado as que están á vangarda e as que promoven a ruptura democrática. De feito, evidénciase que a loita polas liberdades das nacións negadas é a loita polas liberdades cívicas e tamén pola democracia.

Todos os indicadores económicos e sociais demostran os prexuízos que supuxo para Galiza o xustillo estatutario e o constitucional, a comezar pola desigualdade en pensións, salarios ou infraestruturas. E é que falar do dereito a decidir é falar da capacidade de implantar políticas que permitan mellorar o benestar do pobo e as súas condicións de vida e de acadar unha democracia verdadeira. Neste sentido, o Consello das Mareas emitiu un comunicado en que dixo estar polo dereito a decidir, mentres que o BNG moveu ficha ao presentar as necesarias Bases democráticas para unha nova Galiza, unha proposta aberta ao debate. É hora de encetalo.

Máis en OPINIÓN
Comentarios