Desigualdade no ensino, editorial do Sermos260

lomce ensino @bngferrol

A LOMCE quédalle curta a Feijóo. A súa blindaxe do ensino privado vai alén desta lei e estende até 2023 a adxudicación de concertos con centros privados, da que se benefician 3.913 unidades en máis de 200 centros de ensino. Tamén na Formación Profesional e na Educación Infantil, etapas non obrigatorias, cando hai miles de alumnas e alumnos que non poden cursar ciclos de FP por falta de prazas no ensino público.

Desigualdade no acceso ao ensino no plano económico, mais tamén no social e na cuestión de xénero, porque os cartos de todas e todos irán destinados a 58 unidades concertadas de cinco colexios que segregan o alumnado por sexo (Montespiño, Peñarredonda, Las Acacias, Montecastelo e Aloya). O Opus Dei segue a ter influencia, e moita, nas decisións do Executivo de Feijóo, que aposta nunha política neoliberal de desmantelamento do ensino público: malia ser un servizo esencial, pasa a converterse nunha mercadoría máis pagada con cartos públicos en beneficio duns poucos. Aliás, continúa a confesionalidade do sistema educativo, a Igrexa segue sen custear o seu profesorado e seguimos a ser as galegas e galegos quen pagamos os perto de mil docentes de Relixión.

Neste contexto, faise urxente camiñar cara a unha Lei Galega de Educación, centrada en nós, que aposte na igualdade no ensino. Unha lei equitativa e que garanta a calidade e o ensino en galego.

Máis en OPINIÓN
Comentarios