Editorial

#Editorial255: 25X. Un día para a nación

Xente de todas as idades no Día da Patria galega

Non hai Día da Patria Galega en que non nos entreguemos á convención de dicermos que o deste ano é un día especial, mais neste 2017 ese tópico encerra máis verdade do que nunca. O contexto en que van decorrer os actos reivindicativos do 25 de xullo é o de maior tensión no confronto entre centro e periferia desde que á altura de 1975 se entronizou o actual réxime político coa transferencia de poder das elites franquistas a Juan Carlos I. Todo está en cuestión. Estamos a asistir a un debate de natureza profundamente política que, se queira ou non, gravita arredor do conceito da soberanía: quen é o demos grego, quen é o titular do direito a decidir. Éo unha España uninacional ou sono as distintas nacións que coexisten no Estado?

 

Nese debate neste momento Galiza non está. E non está pola incomparecencia de Feijóo e pola falta de perfil político propio da representación galega no Congreso, da vella e da nova. É por iso que é tan importante este Día da Patria Galega. Ese día miles de galegas e galegos tomarán as rúas de Compostela para expresar con clareza que Galiza existe como tal e que non está disposta a ser afastada en 2017 como o foi en 1978. Diso vai este Día da Patria Galega, un día para a voz da nación se facer ouvir.

Máis en OPINIÓN
Comentarios