"A GRECIA DAS ELITES E DA OLIGARQUíA PERDEU. A TROIKA XA É O PASADO", AFIRMA TSIPRAS

Grecia víralle as costas á austeridade e coloca Syriza a un paso da maioría absoluta

Co 93 por cento escrutado a coligazón de esquerdas obtén unha clara vitoria nas eleccións gregas con oito puntos de vantaxe sobre Nova Democracia. Os neo-nazis colócanse como terceira forza, seguidos por centristas e comunistas. Desfeita do Pasok. Syriza anuncia "un Goberno social de salvación" e roza a maioría absoluta. 

tsiripas-cropII
photo_camera Tsipras celebra a vitoria.

Syriza confirma unha vitoria histórica. A coligazón de esquerda radical contraria ás políticas de austeridade da Troika gañou as eleccións lexislativas gregas. 

Co 93% escrutado, a formación que lidera Alexis Tsipras gañaría cun 36,34 por cento dos votos, seguido pola dereita de Nova Democracia -que recibiu o apoio de Mariano Rajoy en campaña- cun 27,84%. A terceira forza sería a neo-nazi Amencer Dourado, cun 6,3, seguido do centrista To Potami, cun 6,04v e da comunista KKE cun 5,47 e o decadente Pasok con 4,67, confirmándose a perda de case 40 puntos en seis anos do equivalente grego do PSOE. 

Nada máis coñecer estes datos, Syriza anunciou que formará "un Goberno social de salvación" e nas bolsas asiáticas caeu o valor do euro. Un voceiro da candidatura gañadora dá por "mortos" todos os acordos entre o actual Executivo de Antonis Samarás e o Eurogrupo, que esta segunda-feira se reúnen. Samarás xa felicitou os vencedores dos comicios. 

Ante milleiros de persoas, o próximo primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, afirmou que a súa vitoria "supón deixar atrás o desastre da austeridade". "Pasamos páxina", engadiu, antes de remarcar que "a Troika é o pasado". "Hoxe a Grecia das elites e as oligarquías perdeu. Gañou a Grecia do traballo e a esperanza", dixo o líder de Syriza, que se amosou favorábel a "un acordo bo para acredores e pobo" respecto da débeda. 

A grande incógnita da noite reside na posibilidade de que a formación esquerdista consiga a maioría absoluta, algo que roza, xa que ten co 93 por cento 149 deputad@s, a dous da metade+1. De ter que buscar un aliado, podería tratarse de Gregos Independentes, que obtivo 13 escanos (7 menos que en 2012), embora Tsipras xa recebeu ofertas de negociación por parte do Pasok e dos centristas de To Potami (16 escanos).

Esta mesma segunda feira, Tsipras vaise reunir con Gregos Independentes na procura de apoios para formar goberno

Tsipras vaise reunir esta mesma segunda feira co líder de Gregos Independentes, unha formación de ideoloxía conservadora mais contraria ás políticas de austeridade e a perda de soberanía do país face a Troika.

O acordo non é posíbel coa formación comunista KKE, que resistiu o furacán Syriza e mesmo incrementou apoios a respeito de 2012: pasou de 12 a 15 escanos. O KKE considera que Syriza non é unha forza política de esquerdas (por aceitar a permanencia do país na UE e na OTAN) e que ten o apoio dunha facción da oligarquía grega.

Aliás, a identidade do socio pode marcar a xestión de Syriza, cuxo triunfo foi recollido con entusiasmo por boa parte da esquerda europea, que a cualifica como "inicio do cambio", algo que tamén remarcou o propio Tsipras.

Esta información foi atualizada por volta das 7.45 horas desta segunda feira.

Máis en Mundo
Comentarios