O rescate español, un plaxio do irlandés e unha pedra ao pescozo da cidadanía

A crise en Irlanda desatouna tamén o afundimento dun banco: Anglo-Irish Bank sería o seu Bankia. Despois chegou a man europea, cunha 'doazón' moi semellante á española. Recortes nos dereitos sociais para dirixir fondos públicos cara a banca, subas de impostos camufladas na redución de ingresos mínimos, incremento na idade de xubilación e unha reforma laboral que deixou o salario mínimo nun euro por hora

A pesar de que os detalles do rescate do Estado español non se deron a coñecer, o Goberno irlandés deuse présa en negar que o executivo de Madrid negociase condicións mellores ás obtidas polo irlandés a finais de 2010, incluíndo un papel secundario para a troika formada polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central e a Comisión Europea.

Desde o Goberno de Dublín, foi o ministro Brian Hayes quen asegurou que as condicións baixo as que o Goberno español poderá acceder ao rescate son as mesmas que se aplican a Irlanda e que o programa de austeridade pode ser mesmo máis duro se se considera que o Estado español debe alcanzar un 3% para 2014, mentres que Irlanda dispón dun ano máis.

Pola súa banda, Sinn Féin denunciou que unha vez máis son @s contribuíntes @s que terán que cargar coa débeda das entidades bancarias privadas "cun rescate polo sistema bancario tóxico que repousa nas costas dos cidadáns. Resulta familiar", apuntaba a deputada republicana Mary Lou McDonald.

E se nos fixamos nas coincidencias, hai que lembrar que a crise irlandesa tamén se disparou co afundimento dun banco (o Bankia irlandés chámase Anglo-Irish Bank). Precisamente, McDonald acusou o Goberno irlandés de non renegociar a débeda bancaria irlandesa a tempo e renegar da súa promesa electoral de 'nin un céntimo para os bancos tóxicos' cando a realidade foi a oposta, xa que o Goberno irlandés investiu máis de 21.000 millóns nos bancos mentres que tan só 500 millóns foron destinados á creación de emprego.

Esta é unha débeda impensábel, mais que en realidade soa a lavado de diñeiro estruturado. Os fondos públicos viaxan a través do Banco Central Europeo a gobernos, ou directamente a bancos, onde se transforman en privados ao pasar a mans de obrigacionistas --acredor@s, fronte @s accionistas que, en certo xeito, son don@s dunha sociedade--, que en moitos casos son outras institucións bancarias.

Que significou ese rescate para a cidadanía en Irlanda?
Desde o punto de vista fiscal, foi unha pedra ao pescozo d@ contribuínte, con subidas de impostos que se camuflaron en diminución dos ingresos mínimos taxábeis. Entre estas medidas atópanse a diminución ou desaparición dos créditos fiscais, incluso aqueles referidos aos plans de pensións; a subida do IVE e impostos especiais; a instauración dun Imposto sobre Bens Inmobles; ou a subida do imposto de emisión de fumes.

Por suposto, para poder permitirse dirixir fondos públicos cara á banca nun momento de crise económica, os servizos públicos e axudas sociais son os primeiros que sofren a tesourada orzamentaria baixo gobernos de dereitas como o español e o irlandés --compañeiros no maioritario grupo popular no Parlamento europeo--. Así pois, aos recortes aos subsidios de desemprego --no punto de mira para unha nova redución se é necesario--, seguiu un recorte nas medidas de protección social dirixidas aos sectores máis vulnerábeis da sociedade.

Así mesmo, estabeleceuse un incremento na idade de xubilación, que pasou a ser de 66 anos para os que se xubilen antes do 2014 a 67 para os que o fagan antes do 2021 e 68 de aí en diante. No que respecta aos servizos públicos, estes atállanse coa redución do funcionariado, así como dos salarios (un 10%) e pensións de empregad@s públic@s (un 4%).

Irlanda tamén viviu unha reforma laboral, cunha redución do soldo mínimo dun euro por hora, supostamente para a creación de emprego, e a condicionalidade na recepción de subsidios á dispoñibilidade para aceptar ofertas de traballo e capacitación. Así mesmo, como parte do seu compromiso coa troika, calquera ingreso inesperado que chegue ás arcas irlandesas debe dedicarse á redución da débeda, mais esta non é unha débeda soberana, a pesar de que o Goberno aceptou que as débedas provocadas polas decisións temerarias de banqueir@s avaricios@s, regulador@s incompetentes ou construtoras temerarias deben ser responsabilidade da cidadanía, que na súa gran maioría non tiveron ningunha culpa nas accións que provocaron esta débeda.


NOTA: a información é de Soledad Galiana para o diario Gara

Máis en Mundo
Comentarios