Milleiros de frances@s exíxenlle a Hollande que se manteña lonxe do plan de austeridade de Merkel

Milleiros de persoas mobilízanse en París para reclamarlle ao Presidente Hollande que non aplique as políticas de austeridade e poña fin ao denominado "Traité Merkozy". Hollande reclamou recentemente ''o esforzo económico máis grande dos últimos 30 anos'' para cadrar as contas de Bruxelas
Protesta en París contra a política de austeridade
photo_camera Protesta en París contra a política de austeridade

Cóntanse por milleiros as persoas que esta fin de semana se mobilizaron en París para exixirlle ao Presidente francés, François Hollande, que se manteña afastado das políticas de austeridade. O mandatario, que fixo campaña xustamente erixíndose como alternativa a Nicolas Sarkozy, quen foi principal aliado de Angela Merkel, unha vez no poder declarouse fiel ao pacto de estabilidade que dicía cuestionar.

Así as cousas, a comezos de setembro aproveitou unha intervención na televisión para demandar da cidadanía francesa "o esforzo económico máis grande dos últimos 30 anos: hai que atopar 30 mil millóns" para cadrar as contas. Bruxelas puxo deberes: levar o déficit ao 3% en 2013. Por tanto, toca recortar: 15 mil millóns de ingresos extra virán da subida de impostos, até 10 mil millóns de aforro da contención do gasto público --recortes--, 2.500 na seguridade social e 5 mil das medidas que xa anunciara en xullo, como taxar as horas extras.

A dous días do debate parlamentar sobre o tratado orzamentario europeo que impón recortes ás contas públicas dos estados que fan parte da UE e ao berro de 'resistencia', francesas e franceses quixeron deixar claro que rexeitan esa 'Europa da austeridade'. Aproveitaron tamén para lle trasladar a Hollande a súa decepción por non ter renegociado o referido tratado.

Desde a organización destacaron a unidade do evento, que xuntou a activistas, sindicatos e partidos políticos. Colocárono como punto de partida dun movemento de protesta a nivel europeo no cal reclamaron a presencia dos movementos de esquerdas nos estados español e portugués. A seguinte cita, tamén en París, será o 8 de outubro. Será unha concentración á que están chamadas "todas as forzas da esquerda europea".

Máis en Mundo
Comentarios