Contra o desemprego Rajoy propón austeridade e reformas

Rajoy comparece no Congreso e asegura descoñecer as condicións dun posíbel rescate á economía española. Asemade, debulla a súa receita contra o desemprego: austeridade e reformas.

O presidente español, Mariano Rajoy, respondeu ás preguntas do grupo parlamentar socialista –única forza que puido remitir preguntas ao líder do executivo español-- porén asegurou, máis unha vez, descoñecer as respostas.

Preguntado polas condicións que se lle exixirán ao Estado español perante a chegada dos fondos de rescate europeos, o presidente do executivo dixo descoñecer cales serían e mesmo afirmou que a economía española podería non ser rescatada. Porén, a pasada semana o director do Banco Central Europeo, Mario Draghi, instaba ao Estado español a solicitar os fondos europeos e emitía un aviso a navegantes asegurado que a posíbel intervención da máxima autoridade financeira da UE a través da compra de débeda soberana –reclamación reiterada en múltiples ocasións polo goberno español-- estaría suxeita a “unha estrita condicionalidade”.

Pola súa banda, Rajoy repetiu como en tantas outras ocasións que o obxectivo do seu goberno era a creación de emprego e aseverou que a súa política económica “logo comezaría a dar froitos”. A receita do Partido Popular foi debullada pola vicepresidenta do executivo, Soraya Saénz de Santamaría, quen apelou á “austeridade” e a política de reformas como solución ao desemprego.

“O problema non son as preferentes”
Perante as preguntas d@s deputad@s da oposición a respecto do Decreto 24/2012 , o ministro de economía Luís de Guindos asegurou que o problema das preferentes non era o produto en si mesmo senón a súa comercialización entre @s pequen@s aforrador@s. Segundo De Guindos, a norma aprobada polo executivo español –que será presentada no Congreso a vindeira quinta-- pon freo á venda deste tipo de produtos financeiros para alén dos inversores. No entanto, foi en 2003 o daquela presidente do goberno español, José María Aznar –tamén do Partido Popular-- o que autorizou coa sinatura dun outro real decreto a comercialización de preferentes para calquera comprador.

No entanto, a precoupación do goberno, asegurou o ministro, non son “as preferentes”, e ao abeiro das disposicións recollidas no decreto fica claro que a intención do dexecutivo español non é procurar unha solución para as persoas afectadas senón protexer os intereses das entidades financeiras pois as vítimas da fraude deberán aceptar unha quita do 70% como única solución proposta polo goberno. Aliás De Guindos, exixiu aos grupos da oposición “máis apoio para o goberno” nesta cuestións.

 

Máis en Mundo
Comentarios