A esquerda mundial solidarízase coa revolución bolivariana


Múltiples movementos sociais e partidos políticos de esquerda procedentes de todo o mundo celebran o Día de Solidariedade co presidente da República Bolivariana de Venezuela.  

A xornada de solidariedade e apoio á revolución bolivariana e ao presidente Hugo Chávez, enmárcase no acordo adoptado no XVIII Foro de Sao Paulo -celebrado en Caracas entre o 4 e 6 de xullo, co gallo do 229 aniversario do nacemento de Simón Bolívar.

Nesta terza, países como México, Nicaragua, Estados Unidos, Cuba, Brasil, Perú, Ecuador, Bolivia, Alemaña, Rusia, Italia, Francia, Arxentina ou o Reino Unido celebrarán accións de apoio a Venezuela baixo o lema “Chávez, a túa vitoria é a nosa vitoria” --frase pronunciada polo ex-presidente brasileiro Lula Da Silva na sesión de clausura do XVIII Foro de Sao Paulo.

No Foro tamén se decidiu desenvolver unha campaña ao longo do mes de agosto con diversas actividades que respaldarán ao presidente venezolano na recta final da súa campaña electoral. Entre as accións, promoverase un chíido mundial co hastag “Candidato da Patria”, unha mobilización masiva en conmemoración do oitavo aniversario do referendo ratificatorio de 2004 e do xuramento de Simón Bolívar no Monte Sacro, así como unha carta de apoio á Revolución asinada por cientístas e personalidades da cultura na defensa do voto nos comicios do vindeiro 7 de outubro.

Asemade, prevese a celebración no mes de setembro dun Encontro Internacional de Solidariedade Mundial dos Pobos do Mundo coa Revolución Bolivariana e o presidente Chávez, que terá lugar en Caracas e contará coa participación de líderes políticos, sindicais, deportivos, intelectuais e movementos sociais de todo o mundo.

Segundo os últimos inquéritos publicados polo Instituto Venezolano de Análise de Datos, o presidente Chávez ten unha vantaxe de 24 puntos fronte ao candidato da oposición Henrique Capriles. 

Máis en Mundo
Comentarios