O Consello de Ministr@s non desvela as novas reformas

A vicepresidenta do goberno español anunciou novas medidas de axuste de acordo co plan de austeridade europeo, mais non adiantou nin cales nin cando.

En rolda de prensa após celebraren o Consello de Ministr@s, a voceira do goberno español anunciou máis un paquete de reformas e axustes que serán anunciadas ao longo deste mes e que compoñen o plan remitido ás autoridades europeas.

O estado español, asfixiado máis unha vez nesta sexta pola presión dos mercados financeiros, continuará coa folla de ruta anunciada. Neste senso, a vicepresidenta non explicou cales serán estas reformas nin a magnitude das mesmas, por exemplo, a respecto das prestacións por desemprego que prevén ser reformadas -tanto cuantitativamente coma nos requirimentos para acceder ás mesmas, ou a máis que inminente suba do IVE. Malia todo, a vicepresidenta, capeou as preguntas d@s xornalistas e non proporcionou ningún dato alén dos que se filtraron nestes días.

Na súa intervención, Sáenz de Santamaría informou da elaboración dun anteproxecto de lei contra a fraude no desemprego. Así mesmo, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas está a elaborar un informe que introducirá reformas na arquitectura da administración local en aras do aforro. Doutra banda, o executivo español enviará ás Cortes os baremos sobre os que fixar o soldo d@s alcaldes para que sexan incorporados aos Presupostos Xerais do Estado.

A vicepresidenta do goberno non adiantou nada para alén de que as novas medidas se axustarán aos acordos adoptados a nivel europeo nas últimas semanas. Tampouco así, tomou posición a respecto do caso Bankia e dunha hipotética comparecencia de Rato no Congreso.

 

Máis en Mundo
Comentarios