Xosé Ramón Ermida, autor de Mortos por amor á Terra

"A represión que sufriu o nacionalismo foi moito máis forte do que se nos contou”

Entrevistamos Xosé Ramón Ermida Meilán, autor do ensaio Mortos por amor á Terra -A represión sobre o nacionalismo galego (1936-1950)-  que será presentado o 25 de xullo -ás 5 da tarde- na Carpa das ideas do Festigal, que se festexa en Santiago de Compostela. Os subscritores de Sermos Galiza recibirán esta obra como agasallo. Para o público en xeral chegará ás librerías no mes de agosto.

Xosé Ramón Ermida
photo_camera Xosé Ramón Ermida

Mortos por amor á Terra é unha obra froito de dezaseis anos do traballo, cos seus altos e baixos, de Xosé Ramón Ermida Meilán, quen fai nesta obra unha retrospectiva da represión que sofriu o nacionalismo galego após do golpe de estado franquista de 1936. Ermida pretende, con este ensaio, conseguir que os actos de represión cara o nacionalismo galego teñan un trato específico dentro da memoria histórica e se poida ver así a evolución e as fases de reconstrución polas que pasou entre 1936 e 1950.

Que ten de específica a represión sobre o nacionalismo que a diferencie da represión sobre o resto dos “roxos”?

As razóns que explican este traballo están vinculadas a ausencia dunha historiografía específica sobre a represión do nacionalismo. Do mesmo xeito que hai unha abondoso estudo sobre o movemento nacionalista, non contabamos con publicacións ou traballos que de xeito específico tocaran o tema da represión, como si ocorre con outras ideoloxías que si contan con traballos de carácter particular. A represión que sofre o nacionalismo en Galiza responde á mesma lóxica que afecta o resto das formacións democráticas, aínda que si temos que falar dalgunha cuestión específica que se lle aplica ao nacionalismo como a figura do desterro que se aplica cunhas características particulares aos militantes nacionalistas. Isto en Euskadi está moi estudado, pero en Galiza non se tiña reparado sobre o tema.

O franquismo empregou tremendos métodos represivos para evitar sublevacións. Encerro en campos de concentración, desterros e no peor caso fusilamentos e asasinatos. É o desterro o máis empregado contra os nacionalistas?

Os desterros aplícanselle a xente de diferentes ideoloxías. Mais si hai unha especifidade neste caso contra os nacionalistas. Con todo, a lóxica que se aplica na represión contra o nacionalismo é a mesma que se aplica contra o resto de militantes das demais forzas democráticas.

Esta represión é especialmente forte nos primeiros anos de posguerra. Mortos por amor á Terra abrangue o período de 1936 a 1950. A partir deste último ano como cambia a situación?

A periodicidade do traballo responde a dúas cousas. A primeira é que o último militante nacionalista preso -Evaristo Mosquera- sae da cadea no 1950, mais tamén tomamos a referencia do 1950 na medida en que nesa data se produce a liquidación do Partido Galeguista no interior. O nacionalismo comézase a reorganizar de xeito político na loita contra o franquismo, primeiro no ano 43 arredor dun grupo que fai parte da Xunta Suprema da Unión Nacional e logo é o Partido Galeguista  o que empeza a reorganizarse na clandestinidade no ano 44. Entón no ano 50 xúntanse os dous feitos, sae o último militante nacionalista da cadea, pero tamén se sitúa o ano 50 como unha data chave na liquidación do proxecto político do Partido Galeguista e a aposta do nacionalismo pola vía culturalista coa fundación da Editorial Galaxia, renunciando á loita política.

Analizando a estrutura interna do libro. Cada capítulo correspóndese co nome propio dunha persoa, por que?

O traballo podemos dicir que consta de tres partes: a primeira parte representa a contextualización do que foi a actividade do nacionalismo desde o 36 ao 50, no que se parte de debullar a realidade do nacionalismo do momento, pero focalizando en aspectos que non se puxeron históricamente en valor, como a presenza do nacionalismo no movemento obreiro, ou a participación da militancia nacionalista na loita guerrilleira, moito máis importante da que coñeciamos. A segunda parte é a reconstrucción da biografía de 78 militantes nacionalistas asasinados entre o ano 36 e o ano 48. Unha reprodución dos casos que non queda só na lembranza destas persoas, senón que elas tamén posibilitan reconstruir a realidade do nacionalismo galego nese período. Os propios biografiados proporciónannos un mapa do que foi o nacionalismo na época, en cada unha das localidades nas que militaban.

O libro está presidido na súa capa pola obra de Castelao, A derradeira lección do mestre, a cal ten un gran valor simbólico para o nacionalismo…

A loita pola memoria tamén é a loita polo nacionalismo. Non deixa de ser casual que quen dera o pistoletazo de saída á recuperación da memoria histórica do nacionalismo fora o propio Daniel Castelao. No ano 42, por iniciativa del, é cando se institucionaliza o Día de Galiza Mártir, que naquel momento se chamaba o Día dos Mártires Galegos. Este cadro de Castelao vai na mesma dirección. É unha peza axeitada dende a perspectiva da recuperación da memoria e pola significación que ten, mais tamén ten unha parte de reivindicación, porque é unha peza que segue fóra do país e que debería estar en Galiza a disposición de toda a xente do país.

Que conclusións se extraen desta obra?

A primeira conclusión do traballo é que a represión que sufriu o nacionalismo foi moito máis forte do que se nos contou. En función da introdución que o nacionalismo tiña nas diversas zonas, pero tamén da resistencia que houbo fronte ao levantamento fascista. Hai que destacar a participación protagónica que xoga o nacionalismo na resistencia ao golpe fascista. Outra cuestión importante é o papel de oposición ao franquismo que desenvolve o nacionalismo nos anos 40. Por unha banda a loita puramente política do Partido Galeguista e dos militantes nacionalistas da Xunta Suprema de Unión Nacional e, pola outra, a loita guerrilleira. Existe un número importante de militantes nacionalistas que morren coas armas na man.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios