[VÍDEO] A webserie 'Falemos do Reino da Galiza' estrea os dous primeiros capítulos

A produción aborda as etapas do medievo galego.
Carlos Lixó, na gravación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carlos Lixó, na gravación. (Foto: Nós Diario)

A web serie Falemos do Reino da Galiza sobre divulgación histórica, estrea esta quinta feira os seus dous primeiros capítulos. Conformada por seis "pílulas", a produción aborda as diferentes etapas do medievo galego coa participación de diferentes divulgadores.

O creador da webserie, David Miranda, explica a este xornal que "foi unha iniciativa da cooperativa audiovisual Suseia" para "divulgar o que foi o Reino da Galiza e demostrar" que non se fala del por como está deseñado o modelo educativo da historia do Estado español. "Queremos facer entender este reino".

Así, da man de diferentes expertos, "tecemos os relatos do que sucedeu hai mil anos e do que non se fala nunca nos libros de texto" nin en xeral "no mundo académico". Miranda indica que cada capítulo xira arredor da pregunta que lanza o condutor da historia.

Os dous primeiros capítulos analizan se "existiu o Reino da Galiza" e se "seguimos a ter algo de suevos" a través das reflexións que o doutor en historia e profesor de secundaria Carlos Lixó vai desenvolvendo ao respecto.

A Catedral de Mondoñedo, a de Santiago, as Torres de Altamira e Fisterra son algunhas das localizacións nas que transcorren os primeiros episodios, un deles xa dispoñíbel e o segundo a partir das 20.30 horas desta mesma quinta feira.

Cada capítulo, que dura aproximadamente entre seis e oito minutos, subirase a Youtube co cancelo #FalemosdoReinodeGalicia para que resultan sinxelos de localizar. Ademais, para difundir a iniciativa, "tamén estamos levando a cabo unha estratexia nas redes sociais para que os vídeos se movan o máximo posíbel", explica David Miranda.

Para a estrea, contan cunha rede de difusión que vai chegar a 400.000 usuarias e usuarios. Esta webserie conta co financiamento da área de Cultura da Deputación da Coruña, xa que foi escollida como un dos proxectos premiados dentro do seu Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios