Unhas 200 persoas na homenaxe en Mondoñedo aos 3 asasinados da Unión Socialista Galega

Todas as forzas políticas con representación municipal participaron no tributo. Destacou a presenza no acto da alcaldesa e presidenta do PP de Lugo, Elena Candia. En representación das familias das vítimas tomaron a palabra Pedro González -neto de Servo González- e Graciano Pardo -neto de Graciano Paz.

Homenaxe en Mondoñedo aos tres militantes asasinados da Unión Socialista Galega
photo_camera Un momento do acto no Parque da Travesía

Siervo González RivasGraciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez foron asasinados un 12 de xaneiro de 1936. 82 anos despois, e por iniciativa dun numeroso grupo de veciñas e veciñas de Mondoñedo, a súa memoria foi invocada e restituída nunha emocionante xornada que se compuxo dunha mesa redonda -na casa da xuventude da vila- e dun acto público no Parque da Travesía, por detrás do cemiterio, o lugar en que se perpetraron os asasinatos. Un xantar puxo o ramo á homenaxe.

A asistencia foi numerosa, por volta de 200 persoas. Homenaxearon homes que non só foron vítimas da barbarie, senón tamén militantes políticos dunha organización de vida efémera, a Unión Socialista Galega, pioneira na conciliación de nacionalismo e marxismo. Siervo González Rivas (1886) foi funcionario municipal e dirixente da Sociedade de Obreiros Católicos, presidente da sección local da CNT e militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega. Liderou a candidatura da USG nas eleccións ás Cortes Xerais do Estado de 1933 pola circunscrición de Lugo. Graciano Paz Amieiro (1893) era coñecido polo alcume O Latoeiro. Foi tamén militante da CNT, o PS e a USG, organizacións en que tamén participaría o comerciante Manuel Rodríguez Núñez.

Todas as forzas políticas con presenza no concello de Mondoñedo participaron na homenaxe. No acto realizado no Parque da Travesía tomaron a palabra -en representación das familias das vítimas- Pedro González e Graciano Pardo, netos de Siervo González e Graciano Paz, respectivamente, ben como o cronista oficial do concello e escritor Antonio Reigosa, e os portavoces municipais de PP -Ánxeles Rico-, PSdeG -Esperanza González- e BNG -Eloi Cabana. Estiveron tamén presentes a alcaldesa, líder do PP de Lugo e ex presidenta da Deputación provincial, Elena Candia; o deputado de En Marea no Congreso dos Deputados Miguel Anxo Fernan Vello; e o histórico dirixente e ex parlamentar do PSdeG Ismael Rego.

Houbo emoción nas palabras e tamén houbo rigor nas exposicións dos historiadores Eliseo Fernández e Xosé Ramón Ermida, quen -apresentados por Fran Bouso- protagonizaron unha concorrida mesa redonda na Casa da Xuventude sobre a represión fascista, a figura dos tres asasinados e o legado -que acabaría prendendo co paso do tempo- da Unión Socialista Galega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios