A vida nos campos de concentración das persoas exiliadas en Francia

Santiago Rodríguez Salinas foi un dos exiliados que sufriron os campos de concentración en Francia. A súa memoria persoal daquela experiencia publícase agora nunha obra, ofrecendo claves para comprender o noso presente e dando fe da crueldade con que foron tratadas as vítimas do franquismo. 
Pormenor da capa de 'Illote P Barraca 16'. (Foto: Galaxia)
photo_camera Pormenor da capa de 'Illote P Barraca 16'. (Foto: Galaxia)

Entre xaneiro e febreiro de 1939 case medio millón de republicanos cruzaron os Pireneos cataláns cara a Francia fuxindo das tropas franquistas. Crían que ían ter alí unha acollida digna e atoparon un Goberno francés que adoptara unha política exterior transixente cos ánimos expansionistas da Alemaña de Hitler e que ía recoñecer o réxime de Franco como lexítimo para que, no caso de que se desencadease unha guerra con Alemaña, este mantivese unha actitude neutral. 

A isto había que sumar o rexeitamento de amplas capas da sociedade francesa aos republicanos ("elementos indesexábeis" chegara a chamalos o ministro de Interior francés Albert Sarrault), vítimas dunha campaña de desprestixio liderada pola dereita e secundada por varios medios de comunicación e líderes dos partidos "democráticos". O resultado foi o encerramento de case 300.000 daqueles refuxiados en campos de concentración, a meirande parte deles ex combatentes do exército da República española. Galaxia vén de editar Illote P, Barraca 16, a memoria persoal dun daqueles refuxiados, Santiago Rodríguez Salinas, quen pasou dezaseis meses naqueles campos de concentración. Un documento valiosísimo en canto existen poucos testemuños desta natureza sobre a vida cotiá nos centros de internamento nos que os prisioneiros tiñan que enfrontar unhas condicións deplorábeis e indignas.  

Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, é ben coñecido como actor e titiriteiro, alma da compañía Tanxarina e responsábel, en gran medida, de que Redondela sexa un dos centros máis activos do país, e mesmo da península, no teatro de monicreques. Atende a chamada de Nós Diario desde Madrid, onde participa como actor na montaxe Luna en Marte, unha produción para público infantil do Centro Dramático Nacional. Mais non imos falar de teatro, senón de Illote P, Barraca 16, cuxo autor e protagonista non é outro que seu pai. 

"Meu pai ingresou na Fronte do Exército Popular, no sector de comunicacións, e acabou participando nas batallas de Teruel e do Ebro", explica Tatán. "Pasou a Francia por Port Bou e foi un dos milleiros de ex combatentes que acabaron nos campos construídos arredor de Argelés. Mais o seu calvario non rematou alí. Cando Francia chegou a un acordo con Franco para devolver os prisioneiros republicanos, moitos fuxiron, outros enroláronse na Resistencia... Mais el decidiu volver para facerse cargo da súa nai, e ao chegar á España franquista tivo que pasar por toda unha penuria de campos de concentración, por un batallón disciplinario e, finalmente, polo servizo militar obrigatorio. En total foron case sete anos de castigo". 

A avoa Antonia

A historia da nai de Santiago Rodríguez Salinas, Antonia Rodríguez, a avoa de Tatán, tamén merece un lugar nesta historia. Natural dun pequeno concello de Guadalaxara, foi unha das mestras da República que tivo que dar clases particulares para sobrevivir despois do golpe de Estado. O seu compañeiro, o xornalista e crítico teatral Alberto Marín Alcalde, foi un dos intelectuais represaliados que rematou internado na illa de San Simón, polo cal Antonia se trasladou a Redondela desde Madrid, onde ambos residían, para estar perto del e coidalo desde fóra. 

"Era unha muller moi íntegra", lembra Tatán. "Negouse a validar o título pola lei franquista e estabeleceu unha pequena escola en Redondela, á que acudían os fillos de republicanos, comunistas... Naquela altura, os libros da Enciclopedia que se utilizaban para dar aulas tiñan unhas páxinas ao final con todos os himnos franquistas, o Cara al Sol, o Montañas Nevadas... e ela, o primeiro día do curso mandaba os alumnos arrincar todas esas páxinas. Daba unhas clases especiais que non tiñan parecido ningún coas da época".

A crueldade coas vítimas

"A principios dos anos 80, meu pai decidiu escribir as súas memorias, a súa experiencia nos campos de concentración franceses", continúa Tatán, "e aínda lembro o son continuo da Olivetti por toda a casa, aquilo era unha loucura. El era unha persoa culta, estudara Belas Artes, e sabía falar moi ben francés, o que o axudou bastante a sortear a miseria absoluta dos campos, porque facía de tradutor para os oficiais.

Tamén tiña moito sentido do humor, o que propicia que no libro aparezan anécdotas que che poden facer sorrir, malia que percibes o desgraciada e miserábel que era toda aquela situación". 

Efectivamente, Illote P, Barraca 16, inclúe episodios que mostran o humor dos internados ante situacións da máis extremada crueldade, como cando relata a existencia dunha especie de casoupo, fechado só por tres lados, onde se castigaba os prisioneiros que eran sorprendidos vulnerando algunha das normas do campo. A arbitrariedade dos castigos víase agravada polo frío que debían aturar e que combatían mediante pequenas carreiras ao longo da prisión: iso valeulle ao recinto o sobrenome "o hipódromo". 

Aquelas memorias quedaron gardadas nos caixóns de familiares e amigos íntimos até que agora Galaxia se decidiu a publicalas. "El sempre quixo publicar o libro e por iso agora estamos tan contentos. Creo que é un documento que fala en primeira persoa daquela situación terríbel, un testemuño da crueldade que padeceron as vítimas do franquismo".

O padecemento de toda unha xeración

O libro mostra a complexa e difícil vida dos internados. As accións militantes -por exemplo, as dilixencias dos prisioneiros para poder queimar as cartas que non atopaban destinatario: devolvelas poñería en risco os remitentes- alternan coa descrición das condicións infrahumanas dos campos: a falta de hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga...

"Iso explica en parte a situación que temos agora", comenta Tatán. "Eu lembro ter grandes discusións políticas co meu pai durante a Transición; custábame entender como podía dar por boas as decisións de traer un rei, de aceptar a bandeira de Franco... E el contestaba: 'Ti non sabes o que pasamos, xa haberá tempo de cambialo todo con calma'. Custoume anos entender o sufrimento que pasara".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios