'30 castelos para descubrir un reino'

A Torre de Vilanova dos Infantes, testemuño do seu castelo na Terra de Celanova

A Torre de Vilanova dos Infantes sitúase no lugar do mesmo nome, na freguesía de San Salvador de Vilanova dos Infantes á distancia de 3 quilómetros escasos do centro da vila de Celanova, converténdose nunha das iconas da bisbarra e nun dos monumentos medievais máis senlleiros de toda a rexión das Terras de Celanova e Baixa Lima.
A torre desde o sueste. (Foto: Rubén Fernández Vilariño)
photo_camera A torre desde o sueste. (Foto: Rubén Fernández Vilariño)

O concello ao que pertence Vilanova dos Infantes conta con ducia e media de parroquias máis, nomeadamente: Acevedo do Río, Alcázar de Milmanda, Amoroce, Ansemil, Barxa, Bobadela, Cañón, Casardeita, Castromao, Celanova, Fechas, Freixo, Milmanda, Mourillós, Orga, Rabal, A Veiga e Viveiro.

Son cinco as entidades de poboación que conforman San Salvador de Vilanova dos Infantes: Carfaxiño, O Cristal, A Roda de Abaixo, Santa María e Vilanova dos Infantes. Por outra banda, este último núcleo foi capital do municipio homónimo até 1927, estando o consistorio instalado na propia torre de Vilanova e sendo absorbido, a partir dese ano, polo concello celanovés. Pascual Madoz, no seu Dicionario Geográfico-Estadístico-Histórico de 1845, xa o situaba entre os municipios da provincia de Ourense, na marxe esquerda do río Arnoia. Tamén formaban parte del as parroquias de Espiñoso e Penela, hoxe pertencentes ao concello de Cartelle; e Castromao, Freixo e Viveiro que están incorporadas ao de Celanova.

Dende a cuberta da torre da homenaxe de Vilanova pódense observar, alén da propia vila da que recibe o nome, os arredores da comarca, do val do río Arnoia así como das lombas perimetrais cara ao poñente entre as cales destaca a coroa de Castromao, xacemento da Idade do Ferro, referencial nestas Terras.

Antes da creación dos municipios, Vilanova era –segundo Madoz– unha antiga xurisdición composta pola vila do mesmo nome “y de las feligresías de Castromao, Coedo, Gandarela, Torneyros y Vivero, cuyo señorío y el nombramiento de juez ordinario correspondía al conde de Monterrey”.

A comezos do século XIX posuía 180 veciños (900 almas) entre o casco da vila e os lugares da parroquia. Daquela conservaba “los restos de su antigua muralla”, alén de existir “un buen castillo donde están los graneros pertenecientes al conde de Monterrey”, conde que de aí a uns anos ía ser o mesmo Jacobo Fitz-James Stuart y Ventimiglia. Madoz sinala que linda esta freguesía polo norte coa de Viveiro, ao leste con Mourillós, ao sur con Celanova, e ao oeste con Castromao. O terreo, de boa calidade, producía “trigo, millo, centeo, liño, viño, castañas, patacas e outros froitos”, criábase gandos vacún, ovino e caprino, amais de se cazar perdices 
e coellos. “O 12 de cada mes celebra unha feira, cuxas principais especulacións consisten en gandos e froitos do país”.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios