venres 21.02.2020
ESIXEN A RETIRADA DE DISTINCIÓNS

"Tolerancia cero" co franquismo na Coruña

O Colectivo de presas e presos políticos na ditadura presentou un informe ao Consello da Memoria Democrática do Concello da Coruña esixindo a eliminación da simboloxía franquista que perdura na cidade herculina. O ex presidente da Xunta e ministro de Franco, Manuel Fraga Iribarne; o tamén ministro do réxime Laureano López Rodó; o ex alcalde da Coruña e axente activo da represión no Barco de Valdeorras Serxio Peñamaría de Llano; ou o militar golpista Constantino Lobo son algúns dos nomes vinculados ao fascismo que conservan as súas distincións.

Manuel Fraga, con Franco. (RTVE)
Manuel Fraga, con Franco. (RTVE)

A finais dos anos 80, Os Resentidos publicaron un álbum do que un dos seus temas estrela era Galicia, sitio distinto, popularizando unha expresión que co tempo acadou aura incluso de icona pop.

Mais, após tres décadas daquel lanzamento de Reixa e os seus, o Colectivo de Presas e Presos Políticos na Ditadura achan que A Coruña tornou nese “sitio distinto”, debido a que comeza a ser unha ínsua na que as distincións e homenaxes a persoas vinculadas coa ditadura perduran ao longo do tempo, mentres que o resto de concellos do país “apostan pola xustiza e a reparación” facendo desaparecer os seus nomes do rueiro ou os libros de honra.

Por iso, fixeron entrega ao concelleiro de Cultura, Educación e Memoria Histórica da cidade herculina, Xesús Celemín, dunha “documentación que xustifica a retirada desa simboloxía franquista”, segundo explica a Nós Diario Manuel Monge, do Colectivo de Presas.

O grupo correspondía así á invitación da Concellaría para achegar documentación co fin de lograr esa eliminación e participar no grupo de traballo constituído dentro do Consello da Memoria Democrática da cidade.

O perenne caso do “camarada Fraga”

A primeira referencia dese informe de 24 páxinas do que fixeron entrega “está estruturada en doce aspectos que parecen fundamentais para comezar, como son os casos de Fraga e de Laureano López Rodó”, apunta Monge.

O proceso de retirada de distincións na cidade herculina de ambos os dous ministros franquistas ameaza con perpetuarse, pois o Concello continúa sen actuar após nove meses desde que se votase favorablemente no pleno a iniciativa de 29 presos políticos do franquismo, que no manifesto Non queremos ao ‘camarada’ Fraga como fillo adoptivo definían o fundador do PP como un “servidor do franquismo que nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón”.

Manuel Monge pon como exemplo neste sentido como se actúa noutras localidades galegas: “En Ferrol, co voto favorable do PSOE e a beizón expresa do seu líder, Gonzalo Caballero, eses recoñecementos xa non existen. E en Compostela, tamén co voto a favor do PSOE, retiráronlle o título de fillo adoptivo a López Rodó”.

Desde o Colectivo de Presas e Presos Políticos na Ditadura engaden que “se vivise, alguén como Fraga sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini no marco da querela arxentina por crimes contra a humanidade, que non prescriben”. Ademais, consideran que “non hai outro caso en todo o Estado español” como o de Fraga Iribarne, no que “un ministro dunha ditadura chegue a ocupar cargos de responsabilidade política cando se conquista a democracia”. Por tanto, “como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal”, estiman que Fraga “non merece ningún tipo de recoñecemento social, nin a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña”.

O Concello promete “traballo”, mais “depende do orzamento”

O concelleiro de Cultura, Educación e Memoria Histórica da cidade herculina, Xesús Celemín, conta para Nós Diario que a reunión co Colectivo de Presas e Presos Políticos foi “moi ben”, e resalta o “compromiso” do seu departamento en cuestións como conseguir que a Casa Cornide sexa declarada Ben de Interese Cultural e “se devolva ao Concello”.

Tamén aseverou estar “actuando na comisión de traballo, na que participa o Colectivo de Presas e Presas, para a retirada da simboloxía franquista na cidade”, e aclarou que existe tamén outra comisión coa Universidade da Coruña “que vai ser a que desenvolva a parte xurídica”. Xesús Celemín apunta tamén a outras “actuacións puntuais” e “distintas actividades cos colectivos que traballan na Memoria Histórica”, mais “dependerá un pouco do orzamento”.

Cuestionado sobre a presenza de cadros de alcaldes franquistas no Concello da Coruña, o concelleiro revela ter ese asunto “sobre a mesa”: “Estamos en proceso de documentar todos os expedientes de cada unha das persoas, para despois diso tomar as decisións pertinentes. Ao mellor o que se fai no referente a eses alcaldes que se atopan na planta nobre é reestruturalos para que os da ditadura estean nunha parte diferente, mais aínda queda estudar moito máis todas as opcións e as posíbeis decisións que se adoptarán no futuro”.

A situación de privilexio dos alcaldes fascistas no Pazo de María Pita resulta “inaceptábel” para Manuel Monge, que esixe que eses retratos, ou outros como os de Mario Muslera, Martínez Anido ou Calvo Sotelo, “desaparezan” do salón “onde casan os cidadáns coruñeses”, pois “non se pode manter este agravio por máis tempo”.

comentarios