O Centro Multiusos de Domaio, Moaña, acolleu este sábado unha xornada de debate sobre os usos da illa de San Simón.
"Para nós San Simón é o grande espazo de memoria da Galiza, o sitio máis importante para a memoria histórica", explica a Nós Diario a investigadora Montse Fajardo, membro da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).
Fajardo participou da xornada de reflexión e debate canda outros membros do colectivo, o profesor da Universidade da Coruña Carlos Amoedo, o director do festival Sinsal, Julio Gómez, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a investigadora Iria Morgade.
Non participaron as navieiras, malia o convite enviado pola organización. "Son as encargadas do transporte", observa Fajardo. Segundo Matías da Torre, voceiro da IGM, gozan dunhas concesións demasiado "relaxadas" por parte Xunta da Galiza, o que favorece que se acabe "privatizando o acceso á illa. "É máis doado acceder a través dunha navieira que con apoio institucional", censura.
A illa de San Simón converteuse no monopolio das navieiras
De feito, a falta de interese do Goberno Galego foi, precisamente, o que motivou que esta xornada se desenvolvese en moaña, non na illa de San Simón, cuxo valor histórico conta co apoio do Goberno local de Redondela e de todo o movemento memorialístico.
Achegamento histórico
As queixas dos colectivos de memoria polas actividades que se fan alí non cesan, sinala Montse fajardo. A illa acolle desde festas de disfraces polo Samaín até un campamento pirata. "Calquera cousa menos memoria histórica. A única convocatoria neste sentido é a que impulsa cada verán a IGM, unha ao ano".
Para pór en contexto esta actividade habitual, Iria Morgade foi a encargada de abrir a xornada cun achegamento aos "lugares de violencia e represión que hai na Galiza e como están a ser tratados, e ficou claro que a falta de desenvolvemento dunha política de recuperación da memoria imposibilita que realmente teñan o recoñecemento que merecen", sinala Da Torre.
Carlos Amoedo foi o encargado de situar o marco xurídico e legal da illa, "cedida polo Estado á Xunta cunhas condicións moi claras que non se están a cumprir", lembra o voceiro da IGM.
Queremos San Simón que estea incluída no catálogo de lugares de memoria
"Estanse a incumprir de forma reiterada as exixencias do Estado, que prohibe as actividades turísticas e hoteleiras, lucrativas, e que pide dar prioridade a actividades educativas e culturais que poñan a illa en valor", recalca Fajardo.
A investigadora sentencia: "A illa converteuse no monopolio das navieiras. Non só se dedican ao transporte senón que están facendo unha explotación cultural e turística cando non teñen a capacidade nin a sensibilidade".
A Iniciativa Galega pola Memoria quere que se faga un plan de usos para acabar "coa conversión de San Simón nun parque de atraccións" e evitar que no futuro fique a disposición dos intereses puramente turísticos, como suxire, por exemplo, a Lei galega do litoral recorrida polo Goberno do Estado.
"É unha ameaza que remarcou Amoedo, de entrar en vigor así, a norma contempla uns obxectivos que fan que lugares coma este poidan ser malentendidos desde o punto de vista da súa xestión", precisa Matías da Torre.

Lei de memoria
"A nova lei de memoria históricas ofrécenos unhas ferramentas que imos utilizar para a protección da illa. Queremos que estea incluída no catálogo de lugares de memoria e imos facer as xestións oportunas para incluír San Simón nesa relación e para que se adopten as medidas de seguridade oportunas".
San Simón é un espazo de memoria que debe contar cun plan de usos centrado en amplificar o coñecemento sobre a historia de 1936 a 1943
Contan co apoio do Concello de Redondela, que ficou fóra do padroado cultural da illa de San Simón impulsado pola Xunta. A súa alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa disposición a colaborar na protección deste espazo de memoria malia recoñecer que moitas veces ten "as mans atadas", sen información do alí acontece.
A xornada concluíu co propósito común de "limitar os usos que non son acaídos nin cumpren a norma e tentar que as novas leis protexan a illa". San Simón é un espazo de memoria que debe contar cun plan de usos centrado en actividades culturais e educativas libres, gratuítas, para amplificar o coñecemento sobre o seu pasado recente, a historia do 1936 ao 1943.