A memoria enche San Simón para homenaxear a guerrilla galega

San Simón, Aurora Marco
photo_camera Aurora Marco intervindo no acto de homenaxe ás vítimas do franquismo en San Simón (Foto: Nós Diario).

A illa de San Simón acolleu na maña deste domingo outra masiva homenaxe ás vítimas do franquismo. O acto, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria, coordinadora dos colectivos memorialistas, contou coa participación de máis 500 persoas, que responderon ao chamado de arredor de 30 entidades de toda Galiza.

A xornada deste ano tivo como obxecto central que nesta edición terá como obxecto o recoñecemento da guerrilla e a resistencia galega antifranquista, que na Galiza se desenvolveu de xeito organizado desde os primeiros momentos do comezo da represión e contou con apoio popular co fin de manter aceso o combate ao fascismo e as forzas represoras do réxime.

Os actos arrancaron con dous roteiros guiados para coñecer a historia da illa convertida en campo de concentración polo réxime franquista. Neste sentido, o percorrido serviu, tamén, para reivindicar de novo os usos de San Simón como un espazo de memoria, no que impere o respecto polo acontecido neste centro de detención e prisión franquista entre os anos 1936 e 1943.

A homenaxe deu arranque as 12:00 nun acto introducido polo músico Xurxo Souto, onde se contou coa actuación musical de Uxía Senlle e Sheila Patricia. A continuación, tomou a palabra a historiadora e profesora, Aurora Marco, autora do volume Mulleres na guerrilla antifranquista galega, quen significou o papel das mulleres no conglomerado guerrilleiro e lembrou o seu esforzo na loita antifascista.

Irene Álvarez

O acto rematou coa lectura dunha declaración de Iniciativa Galega pola Memoria lida  pola representante de Avogad@s nov@s, Irene Álvarez Francés. Álvarez Francés, demandou “unha grande homenaxe institucional á guerrilla antifranquista galega e o seu recoñecemento colectivo como combatentes antifascistas. Así como a reparación da afronta que supón a cualificación como bandoleiros, delincuentes e terroristas coa que figuran nos documentos oficiais”.

O manifesto lembrou que “na Galiza organizouse a primeira estrutura militar de resistencia armada contra o franquismo, a Federación de Guerrillas Galiza-León, no ano 1942. E máis adiante, no ano 1946, o Exército Guerrilleiro de Galiza, ambas organizacións con presenza en amplas zonas do noso país e con redes de apoio popular”.

O colectivo saudou os traballos de investigación neste ámbito, cunha mención especial as publicacións de Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e de Aurora Marco. Así, recoñeceu o traballo desta última para pór en valor “a coraxe e o heroísmo das guerrilleiras e de todas as mulleres que foron perseguidas, asasinadas, aldraxadas e condenadas por non renderse, por defender a democracia, os dereitos das mulleres e os dereitos do noso país”.

Nós Diario e a guerrilla

Iniciativa Galega pola Memoria felicitou, tamén, “a iniciativas recentes como o coleccionábel de Nós Diario A loita da guerrilla galega ao descuberto, que botan luz sobre o verdadeiro relato e a relevancia da loita armada antifranquista desde 1936 até o seu final nos anos 60”.

O colectivo quixo rematar denunciando “unha vez máis a perversa utilización desta Illa como parque temático e como bastión da antimemoria, a eliminación por parte da Xunta de Galiza de toda a programación relacionada coa memoria histórica, a privatización da xestión e a trivialización das actividades que se desenvolven no que debería ser principalmente un lugar de respecto, de lembranza e de homenaxe”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios