Unha escolma do papel

"Rajoy Leloup, un cadáver patriótico"

Rajoy Leloup

Xosé Bieito Abraira, un coñecido e controvertido dirixente da comunidade galega de Arxentina, mandatado polo Consello de Galiza, iniciará en Xuño de 1950 unha viaxe en compañía da súa dona que o levará a conectar cos núcleos nacionalistas de Brasil, España, Galiza, México e Cuba, viaxe do que deixou testemuño nun informe á dirección do Consello de Galiza.

Abraira, fillo dunha costureira e dun labrego e canteiro, naceu en Meira en 1904 e morreu en Bos Aires en 1997, emigrante desde os 18 anos  traballou de xastre e participou das actividades societarias, foi dirixente de “Fillos de Meira”; culturais, participou do coro “Ultreia” do Pondaliano Prieto Marcos e en ADIGAL; políticas, fixo parte da “Irmandade Galega”; do “Consello de Galiza”, até o punto de actuar como secretario no “Congreso Galego da Emigración”en 1956.

Após unha breve estancia en Madrid, onde é recibido por Ben-Cho-Shey, segundo o de Meira “un dos poucos irmáns que están nos segredos dos movimentos, aititudes e consiñas dos patriotas”, chega a Galiza o 20 de Xullo e, conforme as indicacións de Fernández e Oxea, iniciará o seu plano de traballo que o levará a participar en actos, fixar contactos ao longo e ancho do País e por suposto discutir as relacións entre o nacionalismo do exterior e do interior.

DON RAMÓN OTERO: "Viva Galiza Ceibe"

Abraira acude o 25 de Xullo á “Misa por Rosalía”, que naquela ocasión por presión das autoridades se realiza en español se ben, ao remate da mesma, Don Ramón Otero toma a palabra en galego rematando cun “Viva Galiza Ceibe” e, polo tarde, participa do acto fundacional da “Editorial Galaxia” no que lle encomendan achegue petición de apoio para a mesma na Galiza de alén mar. 

A xeira galega da nosa persoa lévao primeiro A Coruña, onde partilla con Ramón Vilar Ponte, Federico Zamora, Carré ou Martínez Risco, posteriormente a Compostela, xuntándose con Manuel Beiras, Rei Baltar, Bouza Brei, ou García Sabell, posteriormente a Vigo, aquí departirá en dúas sesións diferentes, primeiramente con Paco del Riego e os Álvarez Blázquez e nunha segunda quenda, co denominado “Comité Executivo do Galeguismo”, isto é Ramón Piñeiro, Xaime Illa, Paco del Riego e Manuel Beiras, para rematar co “Grupo de Ourense”, do que forman parte Vicente Bóveda, Baldomero Gallego, Leuter G. Salgado, Cuevillas e Don Ramón Otero.

O Informe do de Meira alóngase en explicar a orde de traballos así como os debates que libra co denominado “Comité Executivo do Galeguismo”, poñéndose máis unha vez en evidencia as propostas que confrontaban a uns e outros e de xeito moi particular a consideración sobre a figura de Castelao, que segundo Abraira “por momentos parecía derivar nun total desacordo”, mediando Piñeiro cunha saída de compromiso tan característica da “diplomacia” do de Láncara. Abraira tentará pulsar a situación de Galiza alén dos círculos nacionalistas e neste contexto achegóuselle o Sr Rajoy Leloup que, após pedirlle dados sobre a vida e a morte de Castelao, interesarase pola situación do nacionalismo en Arxentina e, ao saber que o seu máximo dirixente era Alonso Ríos, “deume unha aparta para il decindome que era a derradeira mañifestación de patriotismo, xa que as circustancias fixeran dil un cadaver patriótico”. O de Meira continúa a súas referencias indicando que “Os sicarios da “Hespaña Grande yUnica” non lle perdonan haber servido tan lealmente a nosa Terra e fixeronno obxeto de vexaciós e malos tratos deica convertilo na piltrafa que pasea o seu corpo macilento pol-as ruas da cidade do Apóstolo, mal cuberto pol-os restos do que noutro tempo foi un traxe.” 

Abraira tentará pulsar a situación de Galiza alén dos círculos nacionalistas e neste contexto achegóuselle o Sr Rajoy Leloup
 

Aínda que estea de máis afondar na figura dese “cadáver patriótico” que atopou Abraira no Derby Compostelán, o silencio sobre o pasado que pesa, obríganos a sacar do esquecemento a Don Henrique Rajoy Leloup, secretario do Concello de Conxo e do de Compostela, Profesor da Facultade de dereito da USC, Decano do Colexio de Avogados de Compostela e Secretario do Comité Central do Estatuto da Autonomía. Home de dereitas, sería apartado da docencia, do exercicio da avogacía e tamén da administración local. Un dos seus netos chámase Mariano Rajoy Brey. 

Este artigo apareceu no número 99 de Sermos Galiza, publicado o 5 de xuño de 2014.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios