O acto, organizado pola asociación cultural O Galo, será ás 19.45 e nel participará o director do filme Marcos Gallego, a súa guionista Comba Campoy e máis o membro do Galo Xesús Domínguez. “Esta obra é un exemplo de recuperación da nosa memoria histórica ao visibilizar como un fato de mariñeiros do Grove chegou a Bretaña, logo a Inglaterra, Cuba e Estados Unidos”, sinala a asociación cultural.
O traballo de Gallego data de 2007. Segundo os seus autores, a historia só a lembran no Grove “polo testemuño de Juan Aguiño Picán”, recollido nas súas memorias. “Mais nelas hai moitos cabos soltos que se procuran atar a través das preguntas que, para este documental, facemos a varios veciños da vila”, indican os autores da fita.
Para O Galo, O Novo Emden -que dura uns 60 minutos- supón “o rescate dun dos feitos da Longa Noite de Pedra que ate hai pouco permanecía agachado”.