Comeza a porta fechada a exhumación dos restos do falanxista José Antonio Primo de Rivera

O noutrora denominado Val dos Caídos camiña cara a súa reconversión en cemiterio civil coa saída tamén, após a retirada dos restos de Franco, do fundador da Falanxe, considerado legalmente "vítima" da guerra civil, un status cuestionado polas persoas expertas polo seu papel no golpe de Estado de 1936.
Entrada dos vehículos fúnebres ao Val de Cuelgamuros, a primeira hora desta segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Entrada dos vehículos fúnebres ao Val de Cuelgamuros, a primeira hora desta segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Os restos mortais do fundador de Falanxe Española durante a época da II República, José Antonio Primo de Rivera, están a ser exhumados do Val de Cuelgamuros —até o pasado ano denominado Val dos Caídos, nome imposto polo franquismo e mudado agora ao abeiro da Lei de memoria— e recolocados no cemiterio de San Isidro, en Madrid. Será o seu quinto enterro desde que foi fusilado tras ser xulgado polas autoridades republicanas en 1936 no cárcere de Alacant, hai 86 anos.

Precisamente hoxe fanse 120 anos do nacemento do líder falanxista, o 24 de abril de 1903, cuxos restos mortais sairán do Val en cumprimento da Lei de memoria democrática e tras un acordo do Goberno español cos seus familiares. "É un paso máis na resignificación do Val", celebrou a pasada semana o ministro do ramo, Félix Bolaños, quen tamén sinalou que non estaría presente durante o proceso de exhumación, que a familia pediu que decorrese na máis estrita intimidade.

Primo de Rivera será trasladado logo de que a súa familia optase por adiantarse á aprobación da Lei de memoria e solicitase a súa saída, antes de que o Val torne definitivamente nun cemiterio civil. Segundo indicaba a petición formulada polos familiares, deixou escrito no seu testamento que quería ser enterrado conforme ao rito da relixión católica "en terra bendita e baixo o amparo da Santa Cruz". Dado que Primo de Rivera é considerado legalmente "vítima da guerra civil", tería dereito a permanecer inhumado no Val de Cuelgamuros baixo os preceptos da nova lei, que impide, con todo, a presenza dos restos mortais de dirixentes do golpe de Estado de 1936, a guerra civil e a ditadura franquista en lugares preeminentes de acceso público.

Porén, é realmente unha vítima? O informe da comisión de expertos para ditaminar o futuro deste recinto encargado polo Goberno en 2011 non aludía directamente a Primo de Rivera como "vítima" polo mero feito de morrer na contenda, senón que se limitaba a expor: "Toda vítima é vítima, independentemente do campo en que se atope […].  Entre os inhumados hai combatentes e civís de ambos os bandos. Aínda que non todos son vítimas, si as hai de ambos os bandos". Os expertos víano como un "combatente" máis por ser unha das figuras da man da súa Falanxe, tal e como teñen documentado diferentes historiadores, que propiciou o golpe de Estado.

A súa tumba actual está situada na basílica de Cuelgamuros, á beira do lugar no que se atopaba a do ditador Francisco Franco, que tamén foi trasladado por decisión do Goberno de Pedro Sánchez en outubro de 2019. Os seus restos foron transportados en helicóptero e recolocados no cemiterio de Mingorrubio, no Pardo (Madrid). Finalmente os seus restos mortais ficarán no cemiterio sacramental de San Isidro, onde xa se atopan varios familiares do político, como o seu irmán Miguel Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, que foi ministro con Franco; a súa irmá Pilar Primo de Rivera, fundadora da Sección Feminina de Falanxe, ou o seu tío Fernando Primo de Rivera y Orbaneja, irmán do ditador que morreu en Marrocos durante a Guerra do Rif. O ditador Miguel Primo de Rivera y Orbaneja, pai de José Antonio, tamén estivo enterrado neste recinto, mais os seus restos foron trasladados a Xerez en 1947.

O cemiterio iniciou a pasada sexta feira pequenas obras de reacondicionamiento para preparar a chegada. Concretamente, os encargados do mantemento esparexeron area ao redor de catro dos seis sepulcros que a familia Primo de Rivera mantén no cemiterio, arrombando os arredores dos mesmos.

A diferenza do acontecido durante a exhumación de Franco, cando varias persoas fixeron acto de presenza nos arredores do Val de Cuelgamuros para manifestarse en contra da saída dos restos do ditador e enaltecer o seu réxime fascista, desta volta non se produciron concentracións de falanxistas no lugar. Porén, previsibelmente si as haberá no cemiterio de San Isidro, e desde Falanxe Española trasladaron tamén a súa intención de realizar homenaxes nos próximos días.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios