Lei de memoria: que pasará coa Fundación Franco e Primo de Rivera?

O ministro Bolaños ve "unha posibilidade" ilegalizar a fundación que enxalza a figura do ditador e afirma que o Goberno español mantén "conversas avanzadas" coa familia de José Antonio Primo de Rivera para proceder á retirada dos seus restos do Val dos Caídos.
Juan Chicharro, presidente da Fundación Francisco Franco, cun cadro do ditador de fondo. (Foto: FNFF)
photo_camera Juan Chicharro, presidente da Fundación Francisco Franco, cun cadro do ditador de fondo. (Foto: FNFF)

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, apuntou esta cuarta feira á posibilidade ilegalizar a Fundación Francisco Franco se exalta a figura do ditador como din os seus estatutos, ao tempo que anunciou un próximo acordo coa familia para exhumar os restos de José Antonio Primo de Rivera, líder da Falanxe nos anos da II República, do Val dos Caídos.

O titular de Presidencia realizou estas afirmacións durante a súa intervención nos Almorzos Informativos de Europa Press, nun espazo no que non descartou que se poida ilegalizar a devandita fundación ao abeiro da nova Lei de memoria democrática: "É unha posibilidade ilegalizala", remarcou.

Bolaños defendeu esta norma destacando que se está empezando a implementar e defendeuna ao entender que no Estado español había unha "anomalía" até que se aprobou.

Trátase, dixo, dun "salto de calidade democrática", malia que cre que chegou moi tarde, porque cada vez quedan menos vítimas da ditadura e a represión. Mais destacou o feito de que os fillos e netos destas poidan recuperar os restos e darlles unha "sepultura digna".

E entre as tarefas que teñen por diante no que atinxe á aplicación da nova norma, explicou que está a Fundación Franco. "Se esta fundación, que ten os seus estatutos, o que fai é enaltecer un ditador, haberá que aplicar a lei e terá as consecuencias que correspondan", aseverou.

Primo de Rivera

Por outra parte, sobre a exhumación pendente dos restos de José Antonio Primo de Rivera do Val dos Caídos, afirmou que o Goberno está en "conversas moi avanzadas coa familia" e espera que ese diálogo teñaresultado "ben cedo".

Con todo, non quixo ir máis aló alegando que a familia pediu discreción e que vai respectar o seu desexo. "Espero que moi cedo poidamos, da man da propia familia, facer un anuncio", subliñou o ministro Félix Bolaños.

Comentarios