Entidades en defensa da memoria histórica urxen a Xunta a declarar BIC os bens do Pazo de Meirás

"Xa que nada impediría aos Franco retirar do pazo o próximo 26 de xuño bens de gran valor patrimonial ligados de maneira inseparábel do conxunto histórico", explican as entidades.
Vista do complexo de Meirás. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista do complexo de Meirás. (Foto: Europa Press)

As entidades memorialistas Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña  (CRMH) demandaron á Xunta da Galiza "urxencia" para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) os bens mobles do pazo de Meirás.

"Xa que nada impediría aos Franco retirar do pazo o próximo 26 de xuño bens de gran valor patrimonial ligados de maneira inseparábel do conxunto histórico", explican.

De acordo coa resolución xudicial, as únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxos de bronce da capela, unha virxe e unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira.

Tamén uns apliques de parede metálicos, as cales se suman ás alfombras de corredor, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña nun auto recorrido pola familia Franco.

Visitas ao Pazo

En xaneiro deste ano a propia Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña acusou o Goberno local de Sada de realizar unha "suspensión premeditada" das visitas ao Pazo de Meirás.

A CRMH incide en que estas visitas ao Pazo de Meirás están "conveniadas" co Estado español, delegando este no Concello de Sada a organización dos horarios e dos percorridos.

Por este motivo exixen ao Concello que realice unha "rectificación inmediata" e á Xunta da Galiza e á Administración española "que garantan o cumprimento do réxime de visitas" ao inmóbel.

Comentarios