Visita á sede do Alto Comisionado dos Dereitos Humanos

Pontón desprázase a Xenebra para pedir perante a ONU a devolución do Pazo de Meirás

A restitución do Pazo de Meirás. A ilegalización da Fundación Francisco Franco. Eses dous propósitos animan a visita esta terza feira a Xenebra de Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional do BNG e voceira desta organización perante o Europarlamento, respectivamente. Na cidade helvética as nacionalistas rexistarán unha denuncia na sede do Alto Comisionado dos Dereitos Humanos da ONU.

Pazo de Meirás
photo_camera Vista aérea do Pazo de Meirás coa faixa pendurada por activistas de memoria histórica

O BNG continúa a pór o asunto do Pazo de Meiras no primeirísimo plano da súa axenda política, visando a restitución dese ben espoliado polo fascismo en 1938 e a ilegalización da Fundación Francisco Franco, entidade que xire desde hai meses o réxime de visitas do público ao imóbel propiedade da familia do ditador.

Tal e como anunciara, o Bloque plántase esta terza feira en Xenebra para, perante a sede do Alto Comisionado dos Dereitos Humanos, apresentar unha denuncia que, informa a organización frontista a meio dun comunicado de imprensa, "bota man das conclusións extraídas por Pablo Greiff, Relator Especial da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e garantías de non repetición, quen visitou o estado español entre xaneiro e febreiro de 2014".

O relator especial concluíu no seu momento a necesidade de adoptar medidas para a restitución dos bens incautados de forma ilexítima polo bando fascista após o golpe de xullo de 1936. Greiff acrecentaba aínda que o Estado español non puxera en andamento unha política auténtica de reparación da verdade e que a vixente Lei de Memoria Histórica (lexislada durante o goberno Zapatero) se revelaba como absolutamente insuficiente.

Para o BNG, é obvio que o mandato do Relator Especial da ONU se incumpre flagrantemente desde o momento en que os bens apropiados fraudulentamente polo ditador continúan nas mans da súa familia.

A denuncia do BNG será recepcionada polo Alto Comisionado, o xordano Zeid Ra'ad Al Hussein. No texto, a formación soberanista pídelle á ONU que inste o Goberno español a que implemente cantas reformas lexislativas sexan precisas para materializar a restitución do Pazo de Meirás e demais bens incautados durante a guerra e a ditadura, ben como para ilegalizar a Fundación Francisco e para deixar sen efeito aqueles preceitos da Lei de Amnistía (1977) que abriron a porta á impunidade dos crimes fascistas.

A axenda da visita das dirixentes nacionalistas inclúe tamén un encontro institucional co alcalde de Xenebra, Rémy Pagani, co quen, alén de falar do Pazo de Meirás, abordarán a situación da comunidade galega na Suíza.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios