A memoria da guerrilla antifascista galega cítase co presente en Carucedo

Á volta de abril de 1942 constituíuse no Ferrradelo (Priaranza do Bierzo) a Federación de guerrillas da Galiza e León. 80 anos despois daqueles feitos, un congreso restaura a memoria da primeira organización guerrilleira antifascista do Estado.

guerrilleiros ferradillo bierzo
photo_camera Grupo de guerrilleiros asistentes ao congreso fundacional da Federación, celebrado en Ferradelo en abril de 1942. 1- Mario Morán; 2- Abel Ares; 3- César Ríos; 4- Antolín Murias; 5- Arcadio Ríos; 6- Marcelino Fernández; 7- Abelardo Macías; 8- Victorino Nieto. (Foto: Arquivo particular)

Os días 10 e 11 de decembro, a localidade berciana de Carucedo acollerá un congreso sobre a Federación de guerrillas da Galiza e León. O encontro, promovido pola asociación memorialista Spútnik Labrego e por Edicións Positivas, pretende lembrar esta experiencia de resistencia ao franquismo e achegar novas investigación para un mellor coñecemento da guerrilla.

As xornadas contarán coa presenza dalgúns dos mellores especialistas sobre a guerrilla. Dionisio Pereira achegarase ás redes de evasión e aos operativos de fuga na área galego-portuguesa entre 1936 e 1960. Eliseo Fernández analizará a resistencia armada nas terras do Courel nos primeiros momentos após o golpe de Estado de 1936. Alejandro Rodríguez, que actualmente última unha tese sobre as guerrillas galegas, explicará a loita e significación da Federación de guerrillas da Galiza e León.

Relatorios

Carlos Tejerizo, Xurxo Ayán e Laura Panizo son outros dos relatores do encontro. O primeiro recuperará a memoria da Cidade da Selva, o campamento base da Federación, emprazada nos montes de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. Ayán repasará a arqueoloxía da guerrilla na península Ibérica e Panizo dará conta dos traballos de exhumación de guerrilleiros soterrados en foxas comúns.

O congreso desenvolverá outras actividades alternativas. Unha delas será a proxección do filme documental Ciudad de la Selva de Miguel Riaño e outra un percorrido polos lugares da memoria da guerrilla no Bierzo. A ruta visitará diversos lugares de Carucedo, Carrecedelo, Santalla ou Rioferreiros. Un dos promotores do evento, o editor Francisco Macías, sinala a Nós Diario que “os prazos de inscrición para as xornadas continúan abertos no enderezo electrónico de Spútnik Labrego” e lembra que “este encontro dá continuidade a outras iniciativas sobre a resistencia armada desenvoltas ao longo deste ano para recuperar a memoria da Federación”. Precisamente, Positivas, a editorial dirixida por Macías, prepara a edición dos relatorios destas xornadas.

Antifascismo como eixo

O historiador Alejandro Rodríguez, a persoa que máis ten estudado a Federación de guerrillas da Galiza e León, ten sinalado en Nós Diario que “ a Federación xorde ao longo do ano 1941, e xa no mes de decembro firmarían os primeiros regulamentos, aprobados no congreso fundacional do Ferradelo no mes de abril de 1942”.

Rodríguez destaca desta agrupación guerrilleira, cuxa actividade continúa até 1947, a súa aposta pola unidade e o seu carácter plural. Nesta liña, indica que “a Federación vai destacar por varias cousas. Unha é a súa unidade no político, prohibindo de maneira expresa a propaganda partidista e primando o antifascismo como lema básico da súa loita. E, por outro, o seu illamento das organizacións dos exilios interior e exterior”.

O historiador berciano significa que “a súa base ideolóxica é moi clara: o antifascismo. E isto, por riba de calquera outra formulación partidista. O primeiro, combater a ditadura, organizarse e esperar unha mellora das condicións internacionais, despois, as formulacións ideolóxicas de cadaquén. Neste sentido, a loita levada a cabo pola Federación nos montes de Lugo, Ourense e O Bierzo non difire das levadas noutras partes de Europa contra as invasións nazis e fascistas”.

A Federación é o nexo común deste congreso. Porén, nel introdúcense temáticas adxacentes. Unha delas será incorporada por Dionisio Pereira, que indica a Nós Diario que “desde 1938 operou unha rede de fugas con saída de Vinhais e Braganza e destino a Porto, empregada desde 1942 pola Federación e posteriormente polos membros das agrupacións do Exército guerrilleiro da Galiza”.

A memoria da guerrilla no Courel é outro tema novidoso. Neste caso, Eliseo Fernández recuperará a historia de guerrillas como a de Blanquín, liderada polo veciño de Folgoso José María Díaz Marzabal.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios