No catálogo daquela exposición, unha breve nota a modo de prólogo asinada polo Presidente da Xunta señor Núñez Feixoo, cualifica o evento como “o proxecto expositivo máis importante” dos acometidos en dous mil e dezasete para afirmar tamén que a mostra enraíza “na necesidade de afirmar a personalidade galega”. Concordo co señor Presidente nesta necesidade.
Cen anos antes de comezar a exposición comentada, o vinte e catro de febreiro de mil e novecentos e dezasete, a Gaceta de Galicia dá conta dos traballos de Oviedo Arce, publicados na Boletín da RAG, sobre o pergamiño encontrado uns anos antes. O autor da columna, que asina A.R.E., recoñece o valor simbólico do achado, moito alén do económico, e pide que se compren “esos trozos de pergamino que hoy posee el Sr Vindel y que contien el genuino Martín Codax”, seguindo o exemplo do Estado Alemán que para reunir as obras de Hugo Van der Goes pagou unha millonada polo Retábulo de Monforte, finalmente adquirido en mil novecentos trece e trasladado a Alemaña.
Porque o aprezo e a estima polo propio é o que dá fe do verdadeiro patriotismo. Por iso, di a Gaceta, “debiera venir a la posesión de Vigo” para aquí gardalo e conservalo.
Hoxe Vigo, as autoridades municipais, están máis viradas para os xogos de luces do que para a divulgación e dignificación da memoria mais, se cadra, e ignoro cal é o prezo do pergamiño Vindel, co que costa tanta contaminación lumínica podíase afrontar a compra e traslado desta peza artística a Galiza e, tamén se cadra, conseguíamos tanto turismo para ver esta peza.
Mais para iso son outras as luces que se precisan.