Os "once de Anguieiro" foron lembrados nun acto de memoria

O poeta Pepe Cáccamo lembrou os asasinados en Cangas no 36.
a68747fa-4afb-4126-a951-c9cae8eab4e7
photo_camera Homenaxe esta segunda feira en Cangas. (Foto: Nós Diario)

Organizado pola Asociación de Memoria Histórica "28 de agosto", de Cangas, esta segunda feira decorreu un acto de lembranza dos "once de Anguieiro" no monolito dedicado a estas vítimas do franquismo, erixido na estrada que vai de Cangas a Pontevedra. O poeta Pepe Cáccamo foi o encargado de pronunciar o discurso, mentres que a música estivo a cargo de Xico de Carinho e Dori Santos.

A compañía Teatro Aberto pechou o acto representando fragmentos da obra A trenza dos feitos amargos, baseada no libro Lola, filla de Cangas, de Asun Bernárdez Rodal. 

Os once de Anguieiro foron un grupo de persoas de entre 16 e 46 anos de idade que durante a madrugada do 27 ao 28 de agosto de 1936 foron capturados e fusilados polos falanxistas. Un a un foron arrebatados das súas casas e das súas familias, introducidos nunha furgoneta custodiada polo exército franquista e trasladados até o lugar de Anguiero, onde foron executados. 

 

Unha das execucións frustrouse, pois un dos homes conseguiu escapar "ferido de entre os mortos da camioneta", aínda que, finalmente, foi alcanzado polos falanxistas que o perseguiron, segundo o relato de Francisco Ferreiro Budiño, pai de Antonio e Ladislao Ferreiro Núñez, executados aquela noite. 

Os nomes dos 11 mártires son Antonio Blanco Rodal (26 anos, Cangas), Guillermo Fernández Fernández (27, Seixo), Antonio Ferreiro Núñez (32, San Pedro), Ladislao Ferrei Núñez (18, San Pedro), Daniel González Graña (22, Cangas), Alejandro martínez Pazó (19, San Pedro), José Martínez Pazó (26, San Pedro), José Nores Rodríguez (16, Cangas), Normandino Núñez Martínez (46, Cangas) e Secundino Ruibal Villar. (38, San Pedro).  

O acto tamén lembrou as 49 persoas da vila que morreron e a todas aquelas desaparecidas en 1936. 

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios