luns 01/03/21
Ao monumento Mortos do Portiño achégase o libro 'Luz e dignidade'

Obra "viva" para que a memoria perviva

Concello e Deputación da Coruña procuran facer visíbel o monumento aos 'Mortos do Portiño' favorecendo o acceso da cidadanía á obra. Unha escultura do artista Pepe Galán, realizada a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e que agora conta tamén co libro Luz e dignidade.
IMG_7791 copia
O escultor Pepe Galán sobre o monumento Mortos do Portiño. (Foto: Nós Diario)

O 3 marzo de 1937 o sindicato anarquista El Despertar Marítimo proxectaba axudar a fuxir un cento de persoas, en perigo desde o golpe de Estado de 1936. O plan era o de saír por mar cara a Asturias e o lugar elixido para a fuxida foi o Portiño, na Coruña. Mais dalgunha maneira a Garda Civil coñeceu tales feitos e desencadeouse a traxedia.

O artista Antón Patiño recolle un testemuño do acontecido e explica que "os homes trataban de fuxir dos disparos nadando ou subindo por penedos e rochas". O resultado foron 27 detidos e 15 persoas fusiladas nas datas seguintes.

Até hai relativamente pouco a historia non era coñecida fóra da Coruña e, como en moitos outros casos, nin na cidade mesma se falaba dos feitos. Tal foi así que en 1977 o lugar convertérono nun vertedoiro e, en 1996, a cantidade de lixo era tan inxente que se derrubou, custándolle a vida a unha nova vítima.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHaC) quixo reverter a situación e traer de novo ao recordo os feitos que alí aconteceran. Así, o seu presidente comezou a mover a idea en 2005, dous anos máis tarde convocábase un concurso para a realización dun monumento e resultaba vencedor o escultor Pepe Galán.

Agora, 12 anos despois de inaugurarse, Concello e Deputación traballan para acondicionar a contorna e facer accesíbel esta parte da nosa memoria e da nosa cultura. 

"Queremos darlle un carácter de respecto polo que significa e tamén de diálogo coa contorna", conta a Nós Diario o artista Pepe Galán. O autor de Mortos do Portiño explica que se pretende achegar unha maior visibilidade ao monumento, "porque non se coñece, e non é tan só unha escultura, é un símbolo e hai que darlle vida, non pode vivir por si só". 

E con esta intención de dar a coñecer o monumento e a historia límpase e prepárase a contorna e tamén se incorporan dúas pezas "que son novas e que rematan o monumento, que dan sobre todo información", dinos Pepe Galán, "e tamén hai un acceso na beirarrúa orientado ao campo, co nome do monumento en relevo".

"Hai elementos indicativos, por exemplo, que ás veces funcionan", engade Galán, quen recalca que, alén de situar o monumento, é imprescindíbel o esforzo por dalo a coñecer. "A última comisión que eu atendín foi a de Bruxelas, pero antes veu alumnado alemán que estudaba a memoria histórica e seguían unha ruta. Iso hai que alimentalo moitísimo para facer que a obra estea viva, senón os monumentos non serven para nada".

Luz, dignidade e símbolo

Unha estrutura coroada cuns chanzos, o corredor de dous metros de largo por 20 de longo en aceiro cortén e mais a sucesión dos 19 nomes das vítimas en chumbo e a iluminación do monumento cada noite inspiran o escritor Xavier Seoane a expresar, na obra Luz e dignidade, que se trata "dunha especie de pórtico ao infinito, ou de tránsito a unha imposíbel esperanza".

Sobre esa simboloxía das obras públicas da memoria, fala o profesor de Linguas Modernas da Universidade de Montana, nos Estados Unidos de América, John Thompson. "Os lugares de represión que pasan a ser lugares simbolizados, corren o risco de que non se explique o seu simbolismo e non cheguen a ser lugares de conciencia".

Algo que, segundo a autora Liz Sevcenko supón "interpretar a historia a través de lugar, estimulan o diálogo e dan a oportunidade do envolvemento público". 

Seguindo todas estas liñas, alén da creación e da colocación do monumento en 2008, en 2020 a CRMHaC tirou do prelo este libro de arte que é Luz e dignidade, onde se explica todo o proceso do monumento, os feitos sucedidos en 1937 e que conta coa pluma do propio escultor, Pepe Galán, Xavier Seoane, Eliseo Fernández, John Thompson e o presidente da Comisión, Fernando Souto. 

A obra presentouse a finais de 2020, con todos os protocolos precisos contra a Covid-19, nun acto que tivo lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Desde entón, a situación sanitaria non permitiu máis presentacións desta obra que, naquela altura, contou tamén co acompañamento dunha mostra de esculturas de Pepe Galán e que, agora, agarda a reinauguración do monumento e a chegada da segunda edición nun tempo que permita eventos culturais.

Memoria escultórica e libro de arte para non esquecer os sucesos do 3 de marzo de 1937

O 12 de abril de 2008 inaugurábase na Coruña o monumento na honra dos Mortos do Portiño, unha obra do escultor Pepe Galán. Un corredor de 20 metros, dirixido por un lado ao monte e polo outro ao mar, para lembrar os tráxicos sucesos que alí tiveran lugar o 3 de marzo de 1937.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña publicou en 2020 Luz e dignidade, arredor desta obra. As imaxes sobre estas liñas son dos fotógrafos Amador Iravedra, Pablo Anllo e Gabriel Tizón.  

comentarios