luns 24.02.2020

O telautógrafo, por Xoán Costa

En 1888 o profesor americano Elisha Gray estaba a traballar nun aparello que denominou telautógrafo e estaba destinado a rivalizar co telefone. Para utilizar a autotelegrafía só era necesario saber escribir e a máquina por el inventada, unha forma de fax primitivo, convertía a escrita a man en impulsos eléctricos que poderían ser enviados e reproducidos a grandes distancias.

O telautógrafo, por Xoán Costa

Estaba destinado, pois, á transmisión telegráfica de facsímiles de manuscritos. E debía ser de moita utilidade para todo tipo de transaccións de Bolsa pois non podería haber erros. A invención foi patentada en 1888 e mostrada ao público por vez primeira na Feira de Chicago de 1893.

Sen titulo

En 1897 xa estaba en fase comercial e mesmo o Tribunal Supremo dos EEUU se pronuncia no sentido de admitir declaracións enviadas por este procedemento.

Como opera? O remetente escrebe utilizando unha estilográfica. O aparello receptor vai repetindo con caneta sobre papel todos os movementos, mesmo a volta atrás para corrixir. Os documentos chegan exactamente como os escrebeu a persoa que os envía. Son un autógrafo.

Na exposición de Filadelfia de 1904 este aparello foi a revolución, procurando os primeiros usos no xornalismo. Era o futuro. Un futuro que despois non foi.

comentarios