A nosa única esperanza é o separatismo, por Xoán Costa

En agosto de 1919 Vida Gallega dá conta da edición de O lóstrego, obra da autoría do xoven escritor Xavier Soto Valenzuela, obra estreada en Vigo polo cadro da Xuventude Artística. Segundo Vida Gallega, trátase dunhas cantas escenas ben urdidas, ben intencionadas e descubridoras do temperamento do autor para o xénero teatral.
gai
photo_camera Xavier Soto Valenzuela [Imaxe: SG]

En agosto de 1919 Vida Gallega dá conta da edición de O lóstrego, obra da autoría do xoven escritor Xavier Soto Valenzuela, obra estreada en Vigo polo cadro da Xuventude Artística. O éxito da estrea foi garantido mediante notas na imprensa e tivo lugar no Teatro Tamberlick, tan unido á vida da cidade desde que en outubro de 1882 o tenor italiano Enrico Tamberlick o inaugurase e lle prestase nome a este local polivalente que en 1897 acolleu a primeira proxección cinematográfica nunha sala viguesa.

Na altura da estrea Soto contaba 26 anos. A prensa, as poucas veces que del tiña falado, cualificábao de “xoven propagandista dos nosos costumes e de acrecentado amor a Galiza” que sempre falaba en galego nas súas intervencións públicas.

Dous anos despois desa estrea escrebeu, xunto con Manuel Antonio, o manifesto Terra Ceibe como resposta á negativa do Concello de Vigo a que a bandeira Galega ondease, xunto coa española, o día da Patria de 1921.

En agosto de 1924, Ruth Matilda Anderson, na súa viaxe a Vigo, coñeceu un mozo que se ofrece a pasar a tarde cos viaxeiros amosándolles Vigo. Non nos di o seu nome mais podería ter sido Soto Valenzuela.

Rocío Castro, en artigo publicado no Sermos Galiza número 185 de 3 de marzo de 2016, alén de dar conta de outros posíbeis nomes, conta como a americana descrebe, no seu diario, ese encontro e tamén o aspecto físico dese mozo: era “guapo”, de "mans finas”, e levaba un “chapeu de ás anchas de feltro gris perla en contraste brillante coa súa pel escura, longas pestanas e anchas cellas”. Durante o paseo, o mozo contoulle á norteamericana que estaba a escribir novelas e a estudar a arqueoloxía da Galiza, a súa “pobre e esquecida terra meiga, abandonada e mal gobernada polo Goberno central”. Anderson cita literalmente as súas palabras:  “E por que? Por que nós, fillos da beleza deberiamos ser gobernados polos fillos da seca fealdade? Os vascos e os cataláns están no mesmo caso. Por que temos que ser gobernados por unha raza nada da arxila que nada sabe do mar? Galegos, vascos e cataláns temos a mesma nai, entendémonos uns a outros, pero non podemos ser entendidos por esa madrasta arrogante en Madrid. A nosa única esperanza é o separatismo!”.

A visita de Anderson pasou. En 1933 Xabier Soto trasladouse a Viveiro onde desempeñou diferentes cargos políticos. Foi detido o 27 de xullo de 1936 e outro lóstrego interferiu na súa vida. Foi o do fascismo que en 17 decembro de 1936 (453 anos despois de Pardo de Cela ser executado en Mondoñedo) acabou coa súa vida fusilándoo contra as paredes do cuartel da garda civil de Lugo.

O delito? Ser nacionalista. A acusación: rebelión. É como se o tempo non pasase!

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios