O 31 de decembro

‘Nós Diario’ agasalla as persoas lectoras co derradeiro número da revista ‘Nós’

O facsímile da revista “Nós” entregarase co exemplar do xornal.
O depositario deste número Leuter González Salgado, o editor da revista Ánxel Casal, e a páxina 3 do volume 139-144 da revista Nós. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O depositario deste número Leuter González Salgado, o editor da revista Ánxel Casal, e a páxina 3 do volume 139-144 da revista Nós. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro 31 de decembro Nós Diario agasallará as súas lectoras e lectores cunha edición facsímile do derradeiro número da revista Nós. A publicación, que non chegou a ser distribuída como consecuencia do golpe de Estado de xullo de 1936, fai parte do arquivo de Xosé Lois Carrión González, neto do histórico nacionalista ourensán Leuter González Salgado.

Os colaboradores

O número 139-144 é un dos máis voluminosos da revista Nós. O mesmo correspóndese cos meses de xullo a decembro de 1935 e nel colaboran algunhas das sinaturas habituais da publicación canda novos valores. Así, atopamos traballos de Serafín Ferro, de Augusto Casas, de Xosé Outeiro Espasandín, de Fermín Bouza-Brei, de Camilo Díaz Baliño, de Aquilino Iglesia Alvariño, de Modesto López Teixeiro, de Gonzalo López Abente, de Francisco Fernández del Riego, de Luís Manteiga, de Ricardo Frade, de Ramón Otero Pedraio, de Xosé Lois Parente, de Leandro Carré Alvarellos, de Álvaro das Casas, de Vicente Risco, de Vítor Casas, de Xosé María Álvarez Blázquez, de Salvador García Bodaño e de Ramón Vilar Ponte.

O exemplar é un boa mostra da represión que padeceron as xentes de Nós após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936. Unha parte dos colaboradores, como Vítor Casas, Camilo Díaz Baliño e Modesto López Teixeiro foron asasinados polos fascistas. Serafín Ferro e Xosé Outeiro Espasandín víronse obrigados a exiliarse. Outros sofreron diversas tipoloxías represivas como Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedraio, Xosé María Álvarez Blázquez e Ramón Vilar Ponte. Neste sentido, estamos diante doutra iniciativa cultural fanada polo golpe de estado.

O asalto á imprenta 'Nós'

O derradeiro volume da revista Nós non chegou a ser distribuído entre o conxunto dos lectores e asinantes, auténtico sostén da publicación. Os exemplares, depositados no local da imprenta de Ánxel Casal e María Miramontes en Compostela, desapareceron nalgún dos asaltos que os fascistas realizaron á sede da editora. Outro tanto, aconteceu con outras publicacións que estaban en preparación, como Auga Lizgaira de Ánxel Fole, estando documentada a queima de diversas publicacións nas propias portas do local por voluntarios falanxistas e doutras forzas da dereita. Mesmamente, durante algún tempo, descoñeceuse a existencia do volume 139-144.

A primeira nova sobre o derradeiro número da revista Nós achegouna en 1972 Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey”, que custodiaba no seu arquivo un exemplar, actualmente depositado na Deputación de Ourense. Durante moito tempo, deuse como o único existente, até que Xosé Lois Carrión González, neto do histórico nacionalista ourensán Leuter González Salgado, anunciou a presenza no arquivo do seu avó doutra copia do volume 139-144 da revista. Precisamente o exemplar conservado por Carrión González é o empregado para esta edición, coa que se pretende homenaxear á mais importante revista galega do século XX, en cuxas raiceiras  se identifica o proxecto de Nós Diario.

As incógnitas do volume 139-144 da revista 'Nós'

Hai aínda moitas incógnitas abertas sobre o número 139-144 da revista Nós. A este respecto, Xosé Lois Carrión González descoñece como puido chegar este exemplar a mans do seu avó e significa que sempre estivo na casa. Neste sentido, lembra que Leuter González Salgado foi un dos colaboradores da revista e persoa moi próxima aos seus promotores principais.

A figura de González Salgado é outra que agarda unha biografía, por tratarse dunha persoa que percorre toda a xeira vital do nacionalismo ourensán desde comezo dos anos 20 até mediados dos anos 70. Membro das Irmandades da Fala, fundador do Partido Galeguista, primeiro concelleiro e deputado provincial nacionalista en Ourense, represaliado polo franquismo e fundador na clandestinidade do Partido Socialista Galego (PSG).

Comentarios