domingo 20/09/20

Nin patria nin fervor: os soldados á forza de Franco

“Todo o pobo galego saíu cara ás frontes, empurrado pola súa capacidade emotiva para sentir a grande hora de España”. Isto escribiu en Galicia en guerra en 1938 o falanxista Luís Moure Mariño. Mais non era así. O Exército franquista formouse sobre todo por recrutamento forzoso e non como resultado da mobilización cidadá. E nin a participación nas súas filas implica adhesión ideolóxica nin a colaboración co mesmo revela lealdade sociolóxica. Porque todo é máis complexo. Así o cre o historiador Francisco J. Leira, autor de Soldados de Franco.
Comida de campaña con Franco (1937). (Museo Manuel Reimóndez da Estrada. Fondo fotográfico de Mario Blanco)
Comida de campaña con Franco (1937). (Museo Manuel Reimóndez da Estrada. Fondo fotográfico de Mario Blanco)

Nin cruzados nin mártires voluntarios da nación, como rezaba a propaganda franquista. Nin só, nin fundamentalmente, africanistas, falanxistas ou carlistas, porque tamén había comunistas, nacionalistas, anarquistas, socialistas ou apolíticos. Nin sequera o simplificador e popular “fascistas”. Senón diversas xeracións de homes de heteroxénea condición social e ideolóxica recrutados nun clima de terror. Labregos, estudantes, obreiros, avogados, profesores... Así eran os soldados de Franco, segundo Francisco J. Leira Castiñeira. 

Xa ao realizar a súa tese sobre este tema na Universidade de Santiago (USC), este autor quixo achegarse a eles desde a perspectiva da Historia Social co gallo de encher o que consideraba un “baleiro” historiográfico. E non para “branquear o pasado de ninguén” -aclara-. Senón para rescatalos da “confiscación” da súa memoria que se produciu, segundo subliña, por “intereses políticos”. Porque o franquismo “conquistouna” levándoa ao seu rego e “a democracia non foi capaz de mudala”, pois a oposición antifranquista tendeu a seguir interpretándoa desde o marco do “inimigo”. Leira vén de condensar o aprendido coa súa investigación no ensaio Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar (Siglo XXI Editores), que agarda poder publicar tamén en galego. 

A resistencia activa tamén se deu: motíns e revoltas no seo da tropa, ademais de desercións, fuxidas e automutilacións

As conclusións que tira neste libro son confluentes coa explicación que embebeu as memorias familiares: “ías onde che tocaba”. E entrañan un cuestionamento da dicotomía vítimas/verdugos, na senda seguida por outros investigadores, coma el, membros do grupo Histagra da USC. Porque -sostén- os soldados recrutados polos sublevados foron, á vez, verdugos e vítimas. “A guerra non é algo heroico” -sinala-. Xa que “tes que matar e iso nunca é sinxelo. Eu tento meterme na pel do soldado. Nas entrevistas, cando se fala de matar, moitas veces eles fano en terceira persoa: eles non dispararon, eles non viron nada…”, engade.

O “campo de probas”

Os primeiros territorios controlados polos golpistas convertéronse en centros de recrutamento forzoso. Galiza serviu así -subliña Leira- de “campo de probas”. O país pode considerarse, por iso, “paradigma” do fenómeno do alistamento obrigado. O 10 de agosto de 1936, miles de homes viron o seu nome nos xornais coa orde de unirse ao Exército sublevado. Os sucesivos decretos de mobilización aprobáronse, segundo lembra este autor, nun contexto de terror -execucións ou confinamento nas prisións, entre outras formas- e a propia chamada a filas erixiuse, como a propaganda, en xeito de control social e desarticulación dunha virtual oposición ao réxime. 

Mais, se o recrutamento se realizou principalmente pola forza foi precisamente -segundo a análise de Leira- porque a mobilización civil en favor dos golpistas non foi a que eles esperaban. De feito, tiveron que recorrer a unha extrema disciplina e á creación de mecanismos de vixilancia e castigo para manter o control da tropa. Así, segundo defende, a participación no Exército non implicaba adhesión, por moito que a propaganda pregoase o suposto “fervor” e “patriotismo” dos soldados. O cal non impide tampouco que a actitude social máis común fose o alistamento sen oposición, nun clima de medo. 

Os apoios activos -que tamén existiron, aínda non sendo maioritarios, segundo demostra- explicaríanse por unha mestura de factores, desde a convicción ideolóxica á arela de aventura, a exhibición de “masculinidade”, o interese por facer carreira ou ter un traballo e/ou medrar socialmente, a influencia da apoloxía patriótica e da propaganda anti-republicana e, en relación con ela, o medo ao comunismo ou o rexeitamento do cambio social a prol do laicismo. “O fondo ideolóxico é plural porque a dereita era moi diversa” -sinala-. 

Os primeiros territorios controlados polos golpistas convertéronse en centros de recrutamento forzoso

Mais alistarse foi, a miúdo, simplemente un xeito de sobrevivir, de evitar ser executado, caso por exemplo dalgúns galeguistas, e de protexer a familia da represión. A ausencia de resistencia relacionaríase, segundo Leira, con motivacións diversas, desde a presión do grupo ou a percepción da falta de alternativas -algunhas persoas tiveron maiores oportunidades para exiliarse tras o golpe, por exemplo- até a confianza, nos primeiros momentos, en que a guerra acabaría decontado. 

Resistencia activa

A resistencia activa tamén se deu, porén. Alén dalgúns motíns e revoltas no seo da tropa, Leira salienta as desercións, fuxidas e automutilacións. Os fuxidos “podían ser xente ideoloxizada ou non”, asegura. Non tería que ter, así, o mesmo significado fuxir para unirse á guerrilla antifranquista que agocharse para non ir á fronte, situación, esta segunda, que podía acontecer mesmo sendo unha persoa politicamente afín ao réxime. Maior compoñente ideolóxico revelaría, segundo Leira, desertar -ás veces, deixándose capturar prisioneiro- para unirse ao Exército leal á República, a risco de ser fusilado, de conducir a familia ante duras represalias ou de ser mal recibido no campo contrario. Malia que a medida que a guerra avanza a deserción tornaríase, segundo Leira, menos ideolóxica e máis ligada ao esgotamento e ao desexo de voltar para a casa. 

Aínda habendo colaboración, non se debe presupoñer, segundo conclúe Leira, lealdade sociolóxica. Pois os soldados manexaron “diferentes repertorios de protesta, como diría Charles Tilly. Desde formas de defensa do feble, tal como as definiu James Scott, como a creación e expansión de mitos e rumores, até a indisciplina ou maneiras máis directas como pasar ao campo inimigo, que podías tentalo se loitabas en primeira liña. Todas as formas de resistencia implican ter unha oportunidade”, remarca. E, aínda sen exercer resistencia, expresaban desacordo compartindo críticas cos compañeiros, por exemplo, o cal podía comportar importantes sancións. Mostras de actitudes ambiguas que, sen confundirse coa oposición política, afástanse do discurso oficial dos “cruzados” da patria.

O autor, Francisco J. Leira. ASINAR: Nós Diario

comentarios