'30 castelos para descubrir un reino'

Mens, o castelo máis significativo da Costa da Morte

Sitúanse as Torres de Mens no lugar e freguesía homónimos do Concello de Malpica de Bergantiños, a non máis de 300 metros lineais da igrexa parroquial que leva por advocación o apóstolo Santiago. E aínda que figura na bisbarra bergantiñá, resulta axeitado clasificar este edificio como un dos máis significativos da Costa da Morte.
Desde o cumio das Torres de Mens pódense ver as Illas Sisargas. (Foto: Héitor Picallo)
photo_camera Desde o cumio das Torres de Mens pódense ver as Illas Sisargas. (Foto: Héitor Picallo)

Malia non estar localizada ao pé do litoral, podemos considerar que se trata dunha fortaleza mariñeira ao distar pouco menos de dous quilómetros do Atlántico. É máis, desde o alto das súas torres albíscase o océano e o arquipélago das Illas Sisargas. Oito son as freguesías que conta o municipio e 122 os núcleos de poboación, destacando esta terra xa en época antiga non só pola produción oleira senón tamén pola pesca.

Velaí que Jerónimo del Hoyo avisase a comezos do século XVII que a vila de Malpica “es do se matan las ballenas, y su jurisdicción es muy corta”. Así e todo, até finais da Idade Moderna, Mens posuía unha administración propia de señorío secular e xurisdición ordinaria exercidos polos titulares do condado de Altamira, consonte ao que nos achega Francisco Xavier Río Barxa, e que abarcaba 116,5 quilómetros cadrados de superficie.

De nos mergullar nas páxinas do Diccionario de Pascual Madoz debemos traer até aquí as seguintes liñas. Tal xurisdición situábase “en la antigua provincia de Santiago, comprendía las feligresías de Buño, Cances, Cereo, Cerqueda, Cesullas, Condins, Cores, Coristanco, Mens, Nemeño, Niñóns, Oca, Pazos, Tallo y Valencia. El señorío perteneció al conde de Altamira por quien se nombraba el juez ordinario”.

A xeito de advertencia, pensemos que Altamira foi unha das casas con máis poder na Galiza medieval e moderna. A mediados do século XVIII, e aínda que os condes xa estaban totalmente desarraigados do país, conservaban neste reino moitísimos dominios. Basta de exemplo saber que na provincia de Santiago controlan de xeito privativo non menos de 159 freguesías e de forma parcial outras 24 máis. Isto supuña uns 1.400 quilómetros cadrados de señorío. Porén, de termos en conta todo o país serán cando menos 214 as parroquias nas que perpetúan o seu poder e 33 nas que o comparten con outras institucións. Velaí que amosen a súa potestade, de forma xeral, en preto de 2.000 quilómetros cadrados.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Capa do fascículo deste coleccionábel sobre o Castelo de Mens.
Capa do fascículo deste coleccionábel sobre o Castelo de Mens.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios