As guerrillas galegas ao descuberto

Carlos Tejerizo: “A vida nos campamentos da Cidade da Selva era relativamente cómoda”

Carlos Tejerizo García (Arrecife, Canarias,1977) e licenciado en Historia pola Universidade en Salamanca e un dos impulsores do proxecto Sputnik Labrego. A sexta feira ponlle remate o coleccionábel As guerrillas galegas ao descuberto promovido por Nós Diario

Carlos Tejerizo. (Foto:Nós Diario).
photo_camera Carlos Tejerizo. (Foto:Nós Diario).

Como nace o proxecto Sputnik Labrego e a que responde?

O proxecto Sputnik Labrego, agora convertido en asociación científica, naceu a partir dun contrato pos doutoral desenvolvido no Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC) de Santiago de Compostela. Este proxecto tiña como obxectivo analizar as transformacións das sociedades labregas na longa duración histórica desde o punto de vista da arqueoloxía. Pensamos que o mundo rural e as sociedades labregas xogarán un importante papel no futuro e por iso temos tanto interese en estudar a súa longa historia. Unha historia á que só podemos achegarnos dende unha perspectiva multidisciplinar na que a arqueoloxía ten un papel central, dado que este tipo de sociedades deixaron moi pouca documentación escrita. Unha historia, ademais, chea de momentos de grandes mudanzas mais tamén de continuidades e sempre desde unha capacidade de adaptación que fai destas sociedades un legado cultural único, e unha fonte de ensinanza fronte aos problemas actuais como o cambio climático, a sustentabilidade ou incluso a loita contra as pandemias.

"A Cidade da Selva era o único lugar do Estado onde se podía ver a bandeira tricolor"

Os vosos traballos teñen axudado a entender mellor o día da día dos guerrilleiros, pero realmente como era a vida nos campamentos?

Hai que ter en conta que nós analizamos principalmente un fenómeno moi específico da guerrilla antifranquista, que foi a Federación de Guerrillas de León-Galiza. Un corpo guerrilleiro que pode considerarse a primeira formación deste tipo en toda a Europa de entreguerras e cunha capacidade operativa e de ataque moi significativa. O que queremos dicir é que o que estamos a ver nos campamentos hai que encadralo neste contexto e separalo doutras experiencias, como as dos fuxidos da Guerra Civil ou das guerrillas menos desenvolvidas. Neste sentido, a arqueoloxía amosa que a vida nos campamentos era unha vida relativamente cómoda, sobre todo se temos en conta as condicións xerais de xente que ten que botarse ao monte, estar lonxe da súa casa, dos seus seres queridos.

Sabemos que a súa alimentación era boa, que tiñan boas comunicacións e que incluso podían xogar e ter encontros e pequenas festas nos campamentos. Isto mostra tamén o absoluto control do territorio neste espazo que chamaron a Cidade da Selva, onde se di que era o único lugar do Estado onde se podía ver a bandeira tricolor. Porén, a arqueoloxía tamén mostra a cara escura deste fenómeno, a violencia, o perigo constante, o medo á morte... e tamén a humanidade destes guerrilleiros e guerrilleiras que tiñan que pasar hora a hora, minuto a minuto, no monte. Atopamos entón alcol, medios para escribir, un reloxo... símbolos materiais do paso de tempo e da necesidade de comunicarse e de evadirse dun contexto traumático.

Un dos aspectos que comenta é que os guerrilleiros tiveron unha alimentación boa e mesmo que criaban os seus propios animais para o consumo?

Isto pode ser unha das conclusións máis interesantes dos nosos traballos, xa que implica desmontar a visión destes grupos como "lobos sucios" que tiñan que pelexar día tras día para sobrevivir. Unha idea tamén cultivada polo franquismo, que convertía así á guerrilla política en simple bandidaxe que debía ser eliminado fisicamente. Nas escavacións da Cidade da Selva atopamos grandes cantidades de ósos de animais que mostran a alimentación da guerrilla, baseada no consumo de distintos tipos de carnes, fundamentalmente en guisos, de moitos tipos de animais, dende vaca a perdices que cazaban e incluso cordeiros moi novos, o que pode dar unha idea da capacidade de alimentación destes grupos. Tamén atopamos restos de peixe, moi posibelmente das troitas que pescaban nos ríos. Todo isto complementado coa froita, as legumes ou incluso o chocolate.

Unha boa alimentación que só foi posíbel grazas a forte organización dos grupos guerrilleiros é, sobre todo, grazas ao contacto cos enlaces e a xente das aldeas, que proporcionaba estes animais a cambio dun pago por parte dos guerrilleiros. Sabemos que criaban os animais nos campamentos porque atopamos currais e mandíbulas de cabras e ovellas, o que implica que os mataban alí directamente.

“A guerrilla foi un medio fundamental de contacto das sociedades rurais co mundo en transformación daquel momento”

Sinala no seu artigo que a guerrilla foi, xunto co impacto da industrialización do volframio, un dos factores máis importantes de modernización do mundo rural nos montes da Serra do Eixe, que quere dicir con iso?

Os anos 30 e 40 tiveron un impacto moi profundo para as aldeas dos montes da Serra do Eixe porque implicou a introdución súbita da industria e do capitalismo. En menos de unha xeración as condicións de vida mudaron totalmente dende sociedades de tipo labrego baseadas na agricultura, nos intercambios, na reciprocidade... cara a unha sociedade industrial e capitalista baseada no salario, na disciplina e na individualidade. Este proceso, que noutras contornas pode representar séculos de historia, na Serra do Eixe, e especialmente en Casaio, tivo lugar nun par de décadas. A introdución da minería do volframio no contexto do desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial é quizais a parte máis visíbel deste proceso, porque implicou a industrialización masiva deste espazo.

Porén, a guerrilla tamén xogou un papel moi importante, en canto transmisor de prácticas, produtos e dinámicas ligadas a estas mudanzas na grande escala. Por exemplo, a introdución de produtos de hixiene fabricados a nivel industrial como cremas de dentes ou novas medicinas, como a penicilina, nas sociedades rurais do momento, alleas a este tipo de dinámicas e prácticas económicas e sociais. Podemos dicir, dalgún xeito, que a guerrilla foi un medio fundamental de contacto das sociedades rurais co mundo en transformación daquel momento.

Destaca que unha das principais características da guerrilla antifranquista na área galega é tamén na berciana e a importancia que tivo na súa conformación o mundo rural e o compoñente labrego, como condicionou isto o seu desenrolo?

Fronte a outros fenómenos guerrilleiros antifranquistas, fundamentalmente a chamada Agrupación de Guerrillas de Levante e Aragón (AGLA), a Federación de Guerrillas de León-Galiza destaca pola súa construción, digamos, de abaixo arriba. A Federación agregou todos os grupos e bandas guerrilleiras conformadas principalmente por persoas da contorna, cunha base social fundamentalmente campesiña. Isto é inevitábel, dado que o compoñente principal da sociedade do Bierzo e, en maior medida, da Galiza era labrega. Dalgún xeito, pensamos que a guerrilla antifranquista no noroeste, ao menos até 1946, forma parte, ademais da loita contra o fascismo, dese lonxevo conxunto de movementos de resistencia campesiña que loitaban contra o desmantelamento do mundo labrego e a imposición de dinámicas alleas ao rural. No caso do Bierzo, o compoñente mineiro foi tamén fundamental, mais participaba igualmente deste tipo de dinámicas de loita contra un mundo rural en desaparición e que o franquismo e o fascismo ameazaba con eliminar para sempre.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios