A loita das abadesas galegas contra Castela

As titulares dos mosteiros bieitos pelexaron durante máis de 30 anos.
Pórtico do antigo mosteiro bieito de San Xoán da Cova, en Carballedo, na comarca de Chantada. No interior, a capa do libro que este sábado agasalla 'Nós Diario'.
photo_camera Pórtico do antigo mosteiro bieito de San Xoán da Cova, en Carballedo, na comarca de Chantada. No interior, a capa do libro que este sábado agasalla 'Nós Diario'.

 O vindeiro sábado 23 de decembro Nós Diario agasalla as lectoras e os lectores cun libro sobre as abadesas rebeldes dos mosteiros galegos que nos anos finais do século XV e nas primeiras décadas do século XVI se enfrontaron ás políticas centralizadoras dos monarcas casteláns. A obra, da autoría da historiadora Carolina Casal e da escritora Carme Varela, fai parte da colección "Biografías esenciais do Reino da Galiza", que incorpora, tamén, unha biografía sobre Pardo de Cela, entregada o pasado sábado, e outra sobre Fernando Ruis de Castro, que se entregará gratuitamente co xornal o sábado 30 de decembro.

As monxas touqinegras da Galiza é máis que un estudo da revolta das abadesas galegas dos séculos XV e XVI. A publicación achégase a un tempo histórico onde se comezan a sentir as consecuencias das políticas regresivas no nacional e no social dos Reis Católicos e descobre as resistencias do pobo galego fronte ás mesmas. Neste sentido, introduce novos prismas para coñecer a rebelión galega das dúas primeiras décadas do século XVI, onde xogaron un papel decisivo persoas como o conde de Lemos, Rodrigo de Castro, o arcebispo compostelán Alonso de Fonseca ou Fernando de Andrade.

O traballo debuxa unha operación política impulsada polos Reis Católicos tras a derrota da rebelión galega en 1486 e apoiada polo papado co obxectivo de deixar os mosteiros galegos e as súas abadesas sometidas á órbita do de San Bieito de Valladolid, subxugadas ao poder de Castela e a raíña Isabel. A este respecto, unha parte da historiografía considera que neste momento arranca o proceso de drenaxe das rendas galegas e descapitalización do país, comezando a conformarse un dos elementos definitorios da dependencia económica galega. Neste punto, débese lembrar que os mosteiros eran os principais titulares de rendas e os primeiros propietarios de terras da Galiza.

A historiadora Carolina Casal explica a Nós Diario que “aínda desde o primeiro momento o obxectivo fora fechar as portas destes catorce mosteiros da orde bieita , encerrar as monxas galegas en San Paio de Antealtares en Santiago e pór á fronte da comunidade monxas traídas de Castela, a reforma non avanzaba coa celeridade coa que desexaban os reis”. Porén, en 1498 os monarcas casteláns nomean  frei Rodrigo de Valencia reformador xeral e envíano a Galiza para facer cumprir as súas ordes, atopándose coa resistencia destas abadesas, que responden con diversos modos de loita.

“Unhas abadesas abandonaron os mosteiros, outras 'encasteláronse' e presentaron batalla como dona Xoana de Lemos en San Xoán da Cova (Carballedo) ou dona Inés García de Lousada en San Salvador de Sobrado (A Pobra de Trives)”, lembra Casal, quen incide que en “todas se opuxeron a perder a súa liberdade e independencia. Detrás virían os castigos. A súa reclusión en Antealtares, de onde non poderían saír sen o permiso do reformador, baixo pena de apostasía e excomuñón e a apertura dos procesos por rebelión, falta de obediencia e inmoralidade”.

30 anos de loita

Casal lembra a dura loita desenvolvida por estas “mulleres que en 30 anos se enfrontaron a catro papas —Inocencio VIII,  Alexandre VI, León X e a Xulio II— e a diferentes raíñas e reis casteláns; Isabel a Católica, a súa filla Juana e, nos momentos nos que esta fora impedida para gobernar, o seu pai Fernando o Católico, e, tamén o seu home, Felipe I, todo un maltratador”.

O relato masculinizado e galegofóbico do pasado

A coautora libro, Carme Varela, que xa se achegou a esta cuestión na premiada obra de teatro As desterradas, apunta a Nós Diario que “o masculinizado e galegofóbico relato da historia xulgounas moi duramente. Estamos no tempo de restaurar os seus nomes e subliñar a valentía da súa loita. Unha loita desigual na que Galiza finalmente perdía a liberdade e independencia terreal, intelectual e espiritual dun dos seus brazos máis fortes, o monacato feminino bieito galego”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios