Francisco Rodríguez, ensaísta: "O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), coa colaboración da Fundación Galiza Sempre, publica o segundo volume do libro 'Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II'. Un reino con clase dirixente da autoría do ensaísta e historiador Francisco Rodríguez. Abordamos nesta entrevista algunhas cuestións fulcrais analisadas no volume que ten a súa primeira presentación hoxe en Compostela.
Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)
photo_camera O profesor e ensaísta Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)

—Como caracterizaría a situación da Galiza na segunda metade do século XIV?
Aclararemos que, desde 1230, o reino da Galiza estivo integrado, dunha forma inestábel e conflitiva, nunha monarquía con base plurinacional de cerne castelán e mesmo castelanista. Porén, esta integración non significou subordinación absoluta nen unha dependencia consumada. O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV, con dinámicas específicas e relación coa Coroa propia de quen actúa con independencia de criterio. Non é de estrañar, pois, que houbese desde intentos de recuperar unha monarquía propia, producíndose así unha conflitividade dura, con confrontación bélica nos anos finais do século XIII e comezos do XIV, até outra máis soterrada e continua, en procura dun acomodo máis favorábel. Naturalmente, isto é así por existir unha clase dirixente propia e unha realidade económica, social, política, relixiosa e institucional con grande dinamismo, específica, que non desapareceu coa integración. 

—Que caracterizaba esa clase dirixente, en concreto de Fernando de Castro e o seu papel?
Fernando, ou Fernán, é un home carismático e con grande capacidade de aglutinar. Representa o líder indiscutíbel da Galiza nun contexto moi conflitivo e decisivo, que considero tamén estelar e responde á conduta e moral da saga familiar á que pertence, unha liñaxe que se considera, a falta de monarquía propia, no deber de representar o reino. Esta tendencia, que é notoria nos seus antergos, faise nel un deber inescusábel nesta situación conflitiva. Ademais, representa a asunción dun pacto social entre a nobreza e a burguesía que lle dá ao movemento que el encabeza unha dimensión nacional. 

—E con el, a Galiza é o epicentro do petrismo.
No conflito interno á monarquía plurinacional, o reino da Galiza sitúase como apoio fundamental ao rei Pedro I e como oposición frontal aos falsos Trastámara. Baixo o liderado de Fernando, a Galiza ficará fóra do dominio trastamarista, unha vez instaurada a monarquía bastarda no resto dos reinos da monarquía plurinacional. Serán os castristas galegos os que designan Fernando I de Portugal rei da Galiza. Portugal, tradicional aliado de Pedro I e con forte influencia dos Castro, e a Galiza serán invadidos por un exército multinacional con mercenarios de toda procedencia e o apoio do Papa. A batalla de Porto de Bois, perto de Pambre, obrigou os castristas a se protexeren en Portugal e logo ao exilio forzado a Aquitania e Inglaterra, onde moitos, entre eles Fernando, morreron. 

—Como foi a relación con Portugal e cal foi a estratexia seguida?
A clase dirixente galega, en canto que galego-portuguesa, non viu a división feudal da Galiza histórica como un problema. A posición dos Froilaz ou Trastámara a este respecto e as súas relacións con Tareixa de Portugal e máis tarde mesmo con Afonso Henríquez é clara. Sempre pensaron que se podía restaurar esa unidade, pois a división, a efectos reais, era imperceptíbel. A primacía das clases dirixentes de mentalidade e patrimonio galego-portugués dominaban nunha e noutra parte. 

—E non hai fronteiras?
O concepto de fronteira era inexistente e as relacións vasaláticas favorecían a acomodación. Malia acabar consolidándose un reino de Portugal independente, o certo é que, até finais do XIV, unha parte da clase dirixente deste reino era aínda galego-portuguesa, a osmose entre Portugal e Galiza era consciente e a unidade cultural e lingüística total. Se na Galiza a Coroa de Castela influía a través de mecanismos institucionais propios e de inxerencia nos conflitos internos, no reino de Portugal facíao a través de estratexias matrimoniais e pactos. Neste aspecto, a clase dirixente galega tivo sempre unha estratexia para a relación con Portugal, na medida en que unha boa parte operaba nos dous reinos. 

—Non di iso a historiografía española.
O grave equívoco da historiografía española está en identificar a influencia galega na Corte de Lisboa cun partido castelán, e non galego-portugués. Os Manuel representaban a influencia castelá, como os Castro representaban a galego-portuguesa. Inés de Castro é asasinada polos favorábeis ao entendemento con Castela e podemos afirmar con rotundidade que detrás do seu asasinato estaban os falsos Trastámara e os partidarios de impedir que un monarca portugués puidese acabar sendo rei da monarquía plurinacional agrandada, onde o peso galego-portugués fose irreversíbel e hexemónico. Esta foi a dialéctica real: o casamento de Pedro de Portugal con Inés de Castro e a súa descendencia foi visto como un ataque á descendencia habida con Constanza Manuel e á influencia castelá na Corte de Lisboa. 

—Refírese no libro á Galiza no marco europeo do século XIV. Que trazos definen ese contexto?
En Europa vanse configurando as realidades nacionais de forma clara. A chamada Guerra dos Cen Anos é a mostra inequívoca dunhas sociedades convulsas. Desta convulsión participou a Galiza. Os resultados das estratexias confrontadas na Península Ibérica non nos foron favorábeis. Porén, teñámolo presente, chegamos a finais do século XIV cunha conciencia nacional desenvolvida, madura, contando coa clase dirixente necesaria e cun deseño económico-social, cultural e lingüístico moi sólido. Só unha invasión multinacional desde fóra posibilitou o fracaso dunha estratexia galego-portuguesa confrontada coa estratexia de hexemonía castelá, dentro do conflito europeo da Guerra dos Cen Anos.  

—Afirma no libro que o prestixio da lingua vai unido á clase dirixente.
Dedico un capítulo do libro a esta cuestión. Sorprendeume e admiroume a conciencia lingüística expresada na documentación escrita conservada, ben abondosa e contundente ao respecto. Sen monarquía propia, o reino da Galiza mantivo un proceso de normalidade lingüística igual á de calquera outro reino independente, a pesar de a chancelaría real empregar só o castelán. 

—Podemos concluír que houbo especial coidado, por parte dos poderes internos, en manter un uso unilingüe.
Tiñan claro que había que preservar un espazo de comunicación do reino na súa lingua e que o uso da lingua era manifestación clara do poder e definición do mesmo, como propios. A chegada do castelán por vía escrita impactaba só en públicos moi reducidos, non estaba ausente mesmo a súa tradución, e facíase asento notarial para certificar a súa autenticidade, en galego. A oralidade a nivel social, coloquial e culto, desenvolvíase en galego. Había a tendencia natural, mesmo fóra do reino, a usar o galego en espazos lingüísticos románicos, con outras linguas latinas, sen maior problema. A clase dirixente facíao con moita frecuencia mesmo perante os reis e para estabelecer contratos matrimoniais, cartas de arras. Fomos unha sociedade normal, neste aspecto. E custoulle moito ao poder hexemónico triunfante castelán mudar esta situación. A resistencia foi admirábel ao longo de máis dun século, todo o XV.

Comentarios